Acordo de vinculación

Sala Ourense e Pabellón CF unen lazos

As dúas entidades asinaron un acordo de vinculación que se pechará coa integración definitiva a próxima campaña
20201022_191724_1603405754911[4217]

O Sala Ourense e o Pabellón CF unen lazos. Fixérono mediante a firma dun acordo de vinculación entre ambas entidades que será definitivo a próxima tempada, cando o club de fútbol sala pase a integrarse no organigrama do club pabellonista.

Na firma do acordo, que se plasmou no Pazo dos Deportes, estiveron Francisco Doforno, presidente do Pabellón CF, Javier Caldas, secretario da entidade pabellonista, Víctor Sousa, presidente do Sala Ourense, Toño San Miguel, directivo, así como Bernardino González, asesor de deportes da Deputación de Ourense, que exerceu de anfitrión.

O Sala Ourense, cuxo equipo referencia é o senior que afronta desde o domingo un novo curso na Segunda B Nacional, é unha entidade que creceu exponencialmente desde que naceu fai cinco tempadas. A pasada tempada contaba cun filial na Preferente Galicia e con catro equipos de base nas categorías autonómicas e provinciais.

O Pabellón CF, que estreou directiva este ano, afronta a súa expansión a un ano de alcanzar o cincuentenario desde a súa fundación.