Previa | Cita estelar para o Sénior no Miguel Ángel
Pabellón CF - CD Seixalbo (Miguel Ángel-Os Remedios; domingo 12, 16:00 horas):
O campo do Miguel Ángel será escenario este fin de semana dun dos encontros máis atractivos da xornada na Segunda Futgal, co enfrontamento entre Pabellón (52 puntos) e Seixalbo (58), dous equipos que atravesan un momento de forma espectacular.
Os conxuntos chegan á cita avalados por dinámicas moi positivas. O cadro pabellonista encadea sete vitorias consecutivas, unha racha que lle permitiu achegarse con forza á zona alta da clasificación e manter intactas as súas opcións de pelexar polo ascenso. Pola súa banda, o Seixalbo acumula nove xornadas sen coñecer a derrota, o que o sitúa actualmente en postos de promoción de ascenso.
A igualdade na loita polos postos nobres é máxima. Os blanquiverdes están a tan só tres puntos da segunda praza, que neste momento ocupa o Paderne con 55, polo que o choque adquire unha relevancia especial de cara ás aspiracións de ambos conxuntos.
Ademais, o rendemento do Seixalbo como visitante fala da súa solidez competitiva. Lonxe do seu feudo presenta un balance de oito vitorias, tres empates e tres derrotas, con 23 goles a favor e 15 en contra, uns números que evidencian a dificultade do reto para os locais.
Con todos estes ingredientes, agárdase un partido de máxima intensidade no Miguel Ángel, no que o Pabellón terá diante un rival de enorme entidade nun duelo directo que pode marcar o devir da tempada na zona alta da táboa. Na primeira volta os branquiverdes sorprenderan no Carqueixal (1-2).
Nos de Toño Sanmartín non estarán dispoñibles por distintas causas Rubén, Miguel Ángel, Luis e Guzmán á espera do último adestramento deste venres.
Víctor Enmanuel Alves Pereira será o responsable da arbitraxe do partido. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partidos e horarios da XORNADA 29.