Fútbol 11 / Resumo da dobre xornada
Os equipos das Ligas Galegas tiveron de todo nas dobres confrontacións da ponte da Constitución
Na Liga Galega Xuvenil o Pabellón "B" soamente puido arañar un punto (1-1) no campo dun Choco "B" colista do grupo. Os de Redondela marcarían primeiro no inicio da segunda metade e Iago Varela colocaría o empate a quince para o final. Anteriormente os nosos caeran nos Remedios (0-2) coa UD Ourense nun bo partido por parte dos branquiverdes sen recompensa. Un gol anulado aos nosos co marcador a ceros puido cambiar o desenlace final.
O Pabellón "C" da 1ª Autonómica Xuvenil comezou con bo pé o Play Off ao vencer (1-2) no campo de Oira ao Ourense CF "B". Ao descanso o marcador era de empate (1-1) despois de que os locatarios neutralizasen o gol madrugador de Antón, que acabaría expulsado por dobre cartón amarelo nos últimos instantes. Un tanto en propia meta avanzdo o segundo tempo facilitaría a vitoria para os de Marcial González.
Na dobre xornada de xoves e sábado o Pabellón da División de Honra Cadete sumou catro puntos como consecuencia do empate con Atlético Montañeros (2-2) no campo de Leyma cun gol de José e outro en propia meta no desconto. Na cita do sábado os de Guillermo García superaron nos Remedios (3-0) ao Racing de Ferrol cos tres tantos na segunda metade -José (2) e Anxo-.
Tamén lle foi ben ao Pabellón "B" da Liga Galega Cadete na dobre xornada ao facer un pleno de vitorias. Primeiro sumaba os tres puntos nos Remedios contra o Moaña (3-2) nun partido que resolvería con moitos problemas despois de que Aitor, Diego e Héctor anotasen os goles. Dous días máis tarde volvìa a gañar no Manuel Pahiño ao Alertanavia (2-3). Gabriel, Mauro e Xurxo fixeron os tantos nun partido no que chegamos a ter eses tres goles de diferenza.
O Pabellón Promesas da 1ª Autonómica Cadete tivo dobre xornada contra o mesmo rival, a EDC Verín "B". Primeiro foi nos oitavos de final da Copa Deputación o xoves festivo, no que se impuso con claridade (5-1) con goles de Damián (3), Chema e Falú. Nos cuartos de final terán como rival á EDC Xinzo o 3 de marzo. Mentres, no Torneo Base superaron novamente aos verinenses con solvencia (6-0) nunha cita na que repetiron os mesmos goleadores: Damián (4), Chema e Falú.
O Pabellón da Liga Galega Infantil tamén fixo un pleno de triunfos. Na xornada festiva vencía á ED Ourense (0-4) no campo dos Salesianos con tantos anotados por Amills (2), Raúl e Sergio. O sábado volvía a sumar os tres puntos contra o EF Porteiro 2000 (3-0) despois de marcar os tres goles na primeira metade por medio de Amills (2) e 1 pp.
Pola súa parte, o Pabellón Promesas non puntuo na dobre xornada ao caer primeiro co Santa Mariña nos Remedios (0-5) e despois en Redondela contra o Choco por idéntico marcador (5-0).
Finalmente, o inicio do Play Off da 1ª Autonómica Infantil no foi fructífero para o Pabellón "B", que caía nos Remedios contra a UD Ourense (4-6). Os catro goles dos visitantes na primeira metade foron unha lousa de cara a un segundo tempo no que os de Rubén García fixeron un parcial de 4-2. Cerdeira, Adrían, Ribao e Pitu anotaron os tantos.