Xornada festiva foi pouco propicia no Fútbol 11
A maiores da vitoria do Xuvenil "A" outros cinco conxuntos pabellonistas de Fútbol 11 tiveron xornada no mércores festivo con moi poucas alegrías.
Na Liga Galega Xuvenil o Pabellón "B" caía no campo de Oira (3-0) contra a UD Ourense nunha cita na que os de Anxo Valcárcel puxeron o xogo e as ocasións e o rival os goles. Os unionistas tiveron no seu porteiro o seu anxo salvador.
Dentro da División de Honra Cadete o Pabellón CF superaba con claridade ao Atlético Coruña Montañeros (4-1) nun partido que dominou de principio a fin. Cacharrón, na primeira metade, Adrián, Xabi e Pablo, na segunda parte, foron os goleadores.
Inesperada derrota (1-0) do Pabellón "B" na Liga Galega Cadete no campo dun Moaña farolillo bermello e que ata a data soamente gañara un partido. Os branquiverdes non tiveron un afortunado día á hora de definir as ocasións de gol.
No Play Off da Liga Galega Infantil o Pabellón CF sumaba un punto (1-1) no campo do CD Lugo. Os locatarios marcarían primeiro e Raúl establecería a igualada. Os nosos acabaron cuartos no grupo e o sábado terán como rival ao RC Deportivo na "final four" de Cambados. A cita será en Burgáns (12 horas).
Finalmente, na Fase de Permanencia na Liga Galega Infantil, o Pabellón Promesas non puido coa ED Ourense nos Remedios (1-5). Os de Quique Serantes marcarían na primeira xogada do partido por medio de David e os pabellonistas empatarían por medio de Neira para chegarse ao descanso con táboas (1-1). Na segunda parte a EDO marcaría distancias cos tantos de Justino (2), Javier e Yago.