O Xuvenil B tira de espírito de superación para salvarse
O Xuvenil B estará unha tempada máis na Liga Galega despois dun final de competición convulso e cheo de pedras no camiño. O equipo, que leva vinte e catro anos na categoría alternando algunas campañas na Liga Nacional, é o máis veterán.
O sábado pola mañá o equipo deu o primeiro paso para conseguir a permanencia ao completar un partido espectacular contra o Barbadás cun gran ambiente nos Remedios.
Na cita a vida ou morte os branquiverdes acabaron remontando o gol dos visitantes ao borde do descanso, cos tantos de Soriano, Xoel e Cougil na segunda metade (3-1).
Aos pabellonistas (33 puntos) chegáballes o empate para manter a diferenza dun punto con respecto ao equipo con sede nos Carrís (32), polo que istes estaban obrigados a gañar para evitar a cuarta praza de descenso directo.
Coa vitoria os de Millán Fernández quedaban a expensas do arrastre que puidese orixinarse dende a Liga Nacional coa amenaza do Porriño Industrial, que tiña como compañeiro de batalla ao Xuventude Oroso, que o sábado pola tarde desfacíase (4-2) do Choco no Lino Balado.
Con ese marcador todo quedaba a expensas do que sucedese no choque do domingo na Coruña entre Porriño e Ural B. A vitoria (0-2) do conxunto porriñés, aos que lles servía o empate, dáballes a salvación matemática favorecendo directamente aos pabellonistas.
A reclamación do Monteporreiro
Mentres, antes de todo eso estaba a reclamación do Monteporreiro da xornada trinta e cinco que en principio deixaba ao Pabellón B sen a vitoria sobre os pontevedreses e a maiores outros tres puntos de sanción por tratarse dun enfrontamento dentro das catro últimas xornadas. Dunha tallada, inicialmente, o equipo perdía seis puntos. Durísimo golpe.
O club era coñecedor da normativa que afectaba a aliñanción de xogadores -soamente era un caso- co equipo “B” que con esta licencia tamén xogaba no equipo “A”.
Ante as dúbidas que había pola interpretación desa norma, no seu día houbo un contacto do club a nivel federativo con tres persoas á escoita da resposta.
Nesa interlocución lles informaron que ao tratarse de equipos con diferente normativa -RFEF e RFGF- por estar en competición de Liga Nacional e Liga Galega, o xogador podía aliñarse sen problema algún. E así o fixo na controvertida cita cos pontevedreses.
Tras o fallo desfavorable do Comité de Competición da RFGF, una vez presentadas as oportunas alegacións, o club presentará un recurso ao Comité de Apelación e chegará ata onde sexa necesario con este asunto.
Finalmente, o club quere felicitar e agradecer ao corpo técnico e xogadores o comportamento e o espírito de superación que tiveron ante todas estas adversidades defendendo o escudo ata o último momento para labrarse nos terreos de xogo a permanencia.