Volta ao traballo de varios equipos na semana entrante
Despois do periodo vacacional na semana que entra comezarán a pretempada tres equipos da entidade branquiverde para preparar unha campaña máis nas diferentes competicións.
O Xuvenil "A" da Liga Nacional será o primeiro en tomar contacto de novo co sintético dos Remedios este luns a partir das 20 horas. O equipo pabellonista estrea novo técnico co salto de Iván Alonso dende o Infantil "A".
Ao seu lado estará Brais Silva como segundo adestrador tras dirixir a pasada campaña ao Cadete "B" na Liga Galega.
Mentres, o martes entrarán en acción dous equipos máis. Ás 19.30 horas será o Cadete "A" da División de Honra o que comezará a traballar baixo a direción de Rubén Taboada, que repite categoría, e Antonio Dacosta, que tamén volverá a estar a carón do primeiro.
Pouco despois, ás 20.30 horas, será o turno do conxunto Senior, que militará na Segunda Galicia, para o que chegou ao banquillo un exbranquiverde como Toño Sanmartín, que chegou aos Remedios despois dunha longa etapa no Coles.