0-1 | Un gol tonto tumba ao Senior, que errou un penalti
SÁBADO 01/11/2025 (18:00) Campo: MIGUEL ÁNGEL-OS REMEDIOS (100)
PABELLÓN CF : 0 – SCD PADERNE : 1 (0-1)
O Pabellón non puido prolongar a súa boa xeira de resultados e caeu pola mínima fronte ao Paderne CF no encontro correspondente á 9ª xornada da Segunda Futgal, disputado no Campo Miguel Ángel.
O único gol do partido chegou mediado o primeiro tempo, nunha acción desafortunada. Tras o saque dun córner executado por Jorge Días, o balón acabou colándose directamente na portaría defendida por Anxo, poñendo en vantaxe ao conxunto visitante cando apenas se superaban os quince minutos de xogo.
A partir dese momento, o Pabellón foi quen de asumir un pouco máis o control do xogo, xerando varias ocasións claras para igualar o marcador. A máis destacada chegou nun disparo de Numan que obrigou ao gardameta Martín a realizar unha gran intervención, desviando o esférico que acabou impactando no traveseiro.
Na segunda metade, o equipo de Toño Sanmartín mantivo a iniciativa e buscou con insistencia o empate, pero o Paderne volveu amosar a súa solidez a domicilio, facendo valer o seu bo rexistro como visitante e defendendo con orde a pequena vantaxe obtida.
Xa no tempo engadido, o Pabellón dispuxo dunha ocasión inmellorable para rescatar un punto, cun penalti executado por Noli, pero o porteiro visitante detivo o lanzamento e selou o triunfo do Paderne.
Derrota en certo modo inxusta e pola mínima para un Pabellón que mereceu mellor sorte e que deberá agora pensar xa na próxima xornada na visita ao Atlético Vilariño para retomar o camiño positivo.
FICHA TÉCNICA
Pabellón CF: Anxo, Enrique (Miguel Ángel, m.78), Rober, Pede, Mario, Sergio (Cacha, m.68), Noli, Numan, Óscar (Guzmán, m.56), Moure e Jhonny Nóvoa (Luis, m.68).
SCD Paderne: Martín, Diego, Dani, Rober (Xurxo, m.70), Iago Blanco, Jorge Días, Mario (Soto, m.70), Yago (Julio, m.84), Javi Ferreira (Rubio, m.84), Santi e Rubén.
Árbitro: Daniela Romero Machado (Comité Galego-Ourense). Amonestou a Sergio (m.57) e Mario (m.80) nos locais e nos visitantes a Javi Ferreira (m.81) e Diego (m.90)
Goles: 0-1, m.16: Jorge Días.