Previa | Importante cita para o Xuvenil A
Pabellón CF - ED Val Miñor B (Miguel Ángel-Os Remedios; domingo 22, 12:00 horas):
A 23ª xornada da Liga Nacional Xuvenil trae consigo un duelo directo na zona media-baixa da táboa entre o Pabellón e o Val Miñor B, nun encontro que se presenta clave para os intereses do conxunto branquiverde.
O cadro ourensán chega á cita situado na novena posición con 25 puntos, mentres que o filial nigranés é decimoquinto con 22 puntos, condicionado polo efecto arrastre que provoca a División de Honra na categoría. A igualdade clasificatoria converte o choque nun partido de alto valor competitivo e emocional.
O Pabellón afronta o compromiso tras dúas derrotas consecutivas, unha dinámica que obriga aos de Ourense a reaccionar, especialmente como locais, onde precisan mellorar os seus rexistros no Miguel Ángel para consolidar a súa posición e afastarse da zona comprometida.
Pola súa banda, o Val Miñor B preséntase na cidade das Burgas tamén nun momento delicado, tras tres derrotas consecutivas. Lonxe da casa, os nigraneses suman tres vitorias, dous empates e cinco derrotas, con dez goles a favor e vinte e cinco en contra.
Con ambos equipos necesitados e separados por apenas tres puntos, o partido antóllase determinante para marcar a tendencia das vindeiras semanas nunha categoría cada vez máis esixente.
Rubén García ademáis das baixas clásicas, Ander e Veiras son serias dúbidas para este choque, pero recupera a Iker Regueira e sempre a expensas do derradeiro adestramento deste venres.
A arbitraxe estará a cargo de Rubén Fernández Otero, asistido nas bandas por González Castro e Oliveiros Fernández, do Colexio de Ourense. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partidos e horarios correspondentes á XORNADA 23.