Previa | Último escollo para o Sénior
CD Coles - Pabellón CF (Albán; domingo 17, 17:00 horas):
A derradeira xornada da Segunda Futgal chega cargada de emoción para o Sénior, que este domingo visita ao Coles coa mirada posta nun obxectivo moi claro: asegurar a súa praza de promoción de ascenso a Primeira Futgal. Os branquiverdes afrontan a cita con 67 puntos e dependendo de si mesmos para pechar unha temporada sobresainte cun premio maior.
O conxunto ourensán chega a esta última batalla empatado a puntos co Piñeira Seca (67), mentres que o Moreiras permanece ao acecho con 66, polo que tres equipos xogaranse dúas prazas de promoción nun final de infarto. O escenario é claro para os de Os Remedios: un triunfo en Coles garante matematicamente a clasificación, independentemente do que aconteza nos outros campos. Ademais, ao Pabellón tamén lle serviría repetir o mesmo resultado que os seus rivais directos.
Incluso existe unha terceira combinación favorable para os branquiverdes, xa que un tropezo do Moreiras, sempre que non pase do empate, permitiríalles manter a posición incluso no caso de derrota.
En fronte estará un Coles sen presión clasificatoria, pero que quere despedir a liga ofrecendo unha boa imaxe diante da súa afección e converterse nun xuíz inesperado da pelexa pola promoción. Un contexto que obriga ao Pabellón, que acumula doce vitorias consecutivas, a manter a máxima concentración nun encontro no que os nervios e a tensión competitiva tamén xogarán o seu papel.
A xornada tamén deixa unha opción moi remota para o Seixalbo, que necesita unha complicada combinación de resultados: gañar no Carqueixal ao Moreiras, unha derrota do Piñeira Seca en Taboadela e unha vitoria do Pabellón en Coles, ademais de recuperar unha diferenza de máis de sete goles respecto ao Piñeira Seca.
Con todo por decidir que en varios campos a Segunda Futgal baixa o pano cun domingo de máxima emoción no que o Pabellón buscará converter en realidade o soño da promoción.
Para este partido non estarán: Rubén, Luis, Miguel Ángel, Mario, Jorge e Guzmán. Toño Sanmartín recupera a Pedro e á espera do último adestramento deste venres.
Manuel Jiménez Domínguez é o colexiado encargado de dirixir o partido. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partidos e horarios da XORNADA 34.