LIGA NACIONAL XUVENIL

Previa | Última xornada para o Xuvenil "A"

Ural Español CF - Pabellón CF (A Grela 1; sábado 31, 12:30 horas):

Último partido da competición para o Pabellón da Liga Nacional Xuvenil coa visita ao Ural Español en terras coruñesas nunha cita na que o único que está en xogo é o sexto lugar na clasificación para os ourensáns.

Os pabellonistas (58 puntos) asegurarían esa posición puntuando ante os herculinos sen necesidade de esperar ao que faga a UD Ourense (56) o domingo ante un Lugo que ascendeu a semana pasada acompañando así ao Racing de Ferrol. Os unionistas superarían aos branquiverdes gañando aos lucenses unido a unha derrota pabellonista.

Para o Ural Español (52) trátase dun partido de mero trámite co beneficio da posibilidade de incrementar a súa conta de puntos. Como locatarios acumulan nove triunfos, tres empates e catro derrotas. Anotaron trinta e un goles e recibiron vinte e un.

Os técnicos Iván Alonso, que non poderá sentarse no banquillo por sanción, e Xoel Docampo non recuperan a ningún dos lesionados para este último compromiso, para o que a maiores perden a Lamús mentres que Bruno Moure é dúbida.

Manuel Castro Mouzo será o árbitro do partido, asistido nas bandas por Caamaño Blanco e Maneiro Lago, do Colexio de A Coruña. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partidos e horarios da XORNADA 34.