SEGUNDA FUTGAL

Previa | Seguir na pomada pasa pola vitoria do Sénior

Pabellón CF - CD Rúa (Miguel Ángel-Os Remedios; domingo 26, 17:45 horas):

Esta fin de semana o equipo Sénior afronta un novo reto na súa loita por unha praza na promoción de ascenso na 31ª xornada da Segunda Futgal, coa visita do Rúa.

Os blanquiverdes, con 58 puntos, están plenamente metidos na pelexa por unha das prazas de promoción, nunha batalla na que ata seis equipos compiten a falta de só catro xornadas. Nun contexto tan esixente, sumar os tres puntos convértese nunha obriga para non perder terreo. O conxunto pabellonista chega ademais nun momento de forma espectacular, encadeando nove vitorias consecutivas, unha dinámica que reforza a confianza do equipo.

En fronte estará un Rúa situada no undécimo posto con 30 puntos. O cadro valdeorrés amosa máis dificultades lonxe da casa, con dúas vitorias, tres empates e dez derrotas, ademais de 29 goles a favor e 49 en contra como visitante.

Así pois, todo apunta a un encontro no que o Pabellón deberá facer valer o seu gran momento e condición de local para seguir soñando coa promoción de ascenso.

Ás baixas habituais de Rubén, Miguel Ángel e Luis, súmanse as do meta Nacho, Guzmán e Noli. O adestrador Toño Sanmartín recupera a Pede tras cumprir sanción e sempre á espera de que non haxa novidades negativas n último adestramento semanal deste venres.

Samuel Banga Arancey é o colexiado designado para arbitrar o partido. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partidos e horarios da XORNADA 31.