Previa | O Sénior visita ao Viana moi mermado
CD Viana - Pabellón CF (As Carrelas; domingo 1, 16:15 horas):
A 24ª xornada da Segunda Futgal trae consigo un duelo atractivo entre vianenses e pabellonistas, dous conxuntos separados por apenas cinco puntos na táboa.
O cadro local, o Viana, ocupa a novena posición con 32 puntos, cinco menos ca os blanquiverdes, aínda que cun encontro pendente. En As Carrelas, os vianeses presentan un balance equilibrado de cinco vitorias, dous empates e cinco derrotas, con dezanove goles a favor e dezasete en contra. Ademais, afrontan a cita tras dous partidos consecutivos sen perder, o que reforza a súa confianza diante da súa afección.
Pola súa banda, o Sénior é oitavo con 37 puntos e cun alto número de baixas, encara a súa segunda saída consecutiva, ademais do desprazamento máis longo da categoría. O equipo chega nun momento positivo tras dous triunfos consecutivos, decidido a manter a dinámica para seguir con opcións matemáticas de pelexar pola promoción de ascenso. Tamén deberán adaptarse á superficie de herba natural do terreo de xogo.
Lonxe do Miguel Ángel, os pabellonistas suman catro vitorias, tres empates e catro derrotas, con dezasete goles marcados e vinte e un encaixados, uns rexistros que amosan competitividade pero tamén marxe de mellora defensiva.
No precedente da primeira volta, o Pabellón impúxose por 3-1 no Miguel Ángel, un resultado que serve de referencia pero que non garante nada nun duelo que se presenta igualado, esixente e clave na loita por manterse na zona media-alta da clasificación.
Toño Sanmartín non poderá contar por diferentes motivos con Rubén, Miguel Ángel, Changui, Jhonny Nóvoa, Guzmán, Raúl e Rober, ao tempo que Numan e Noli son dúbidas, á espera do último adestramento deste venres.
Jimena Delgado Gómez será a encargada da arbitraxe. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partidos e horarios da XORNADA 24.