Previa | O Senior, ao asalto do fortín de O Corgo
Soutopenedo CF - Pabellón CF (O Corgo; domingo 25, 19:00 horas) Ida 0-0:
Para este domingo está marcada a cita de volta da primeira eliminatoria da promoción de ascenso a Segunda Futgal, quince días despois do primeiro asalto no Miguel Ángel que se saldou con empate sen goles. Tamén houbo igualdade na outra semifinal entre Bande e Amoeiro (1-1).
O Soutopenedo, que foi o segundo clasificado no Grupo 1º, é o único equipo dos dous grupos que non perdeu na casa. Como local sumou dez vitorias e tres empates despois de anotar trinta e seis tantos e encaixar doce. A pasada fin de semana caeron na Copa Deputación co Velle (0-7).
Os pabellonistas buscarán unha vitoria que lles permita plantarse na eliminatoria definitiva. Manter a portería a cero é vital. Os de Toño Sanmartín obtiveron sete vitorias a domicilio. Non tiveron empates e perderon en catro ocasións.
Rober, por acumulación de amonestacións, únese ás baixas que mantén o equipo nas últimas semanas. A convocatoria completarase con xuvenís.
José Daniel Rodicio González será o arbitro do partido, asistido nas bandas por Iglesias Rodríguez e Pazos Rodríguez.