LIGA NACIONAL XUVENIL

Previa | Sábado de derbi para o Xuvenil A

UD Ourense - Pabellón CF (Albán-Coles; sábado 10, 16:00 horas):

O derbi capitalino entre UD Ourense e Pabellón CF será o encargado de abrir a segunda volta da Liga Nacional Xuvenil. O choque disputarase este sábado no campo de Albán (Coles) e preséntase como un duelo igualado, con moito en xogo para ambos conxuntos neste arranque da segunda metade do campionato.

A UD Ourense afronta a cita tras pechar a primeira volta con 19 puntos, situada na décima posición da táboa. O conxunto local amosou un rendemento irregular en Albán, onde sumou tres vitorias, dous empates e tres derrotas, cun balance goleador de 16 tantos a favor e 13 en contra. Os ourensáns buscarán facerse fortes na casa para iniciar a segunda volta con bo pé e recortar distancias cos equipos que lles preceden.

Pola súa parte, o Pabellón CF concluíu a primeira parte do campionato con 21 puntos, dous máis ca o seu rival desta fin de semana. A domicilio, os pabellonistas asinaron dúas vitorias, tres empates e tres derrotas, con 12 goles anotados e 14 encaixados, uns números que reflicten a competitividade do equipo lonxe do Miguel Ángel. O obxectivo será manter esa solidez e sumar nun campo sempre esixente.

O precedente máis recente entre ambos invita ao optimismo no bando pabellonista, xa que na primeira volta o Pabellón impúxose por 3-1 no Miguel Ángel. Porén, nun derbi e no arranque da segunda volta, os antecedentes contan pouco. UD Ourense e Pabellón sairán coa ambición de levar tres puntos que poden marcar o ton do novo treito da tempada.

Rubén García non poderá contar para este partido con Samuel Villar mentres que recupera a Gómez e Ander. Samuel Ferraz, Gael e Veiras son dúbidas á espera do último adestramento desta tarde.

Xabier González Castelao, asistido nas bandas por Rodríguez Fernández Rúa Álvarez, do Colexio de Ourense, serán os encargados de dirixir o encontro. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partidos e horarios correspondentes á XORNADA 18.