Liga Nacional Xuvenil

3-1 | Punto e final da tempada para o Xuvenil "A"

DOMINGO 19/05/2024 (16:00)  Campo: A GRELA 1 (100)

URAL ESPAÑOL CF : 3 – PABELLÓN CF : 1 (0-0)

O partido que pechaba a xornada e a competición na Liga Nacional Xuvenil entre coruñeses e ourensáns saldouse cunha vitoria local nos minutos finais nun partido intrascendente para a clasificación final xa que ningún dos dous equipos se xogaba nada. Reseñar o debut dos cadetes André e Gómez nos pabellonistas.

Logo dunha primeira metade sen goles na segunda o partido estivo máis movido, polo menos en canto a goles, xa que nesta fase se materializaron os catro que subiron ao marcador.

Peke adiantaba aos pabellonistas no minuto vinte da segunda metade e os uralistas conseguiron o empate a dez do final por medio de Thiago. Cando parecía que o partido acabaría en táboas chegaría o segundo dos locais nun penalti transformado por Seco e tamén no desconto Matías pechaba o marcador co terceiro.

Os capitáns de ambos equipos co trio arbitral

Desenlace final
Nesta última xornada estaba en xogo unha praza de ascenso que finalmente foi para o Pontevedra, que acompará ao Atlético Coruña Montañeros a próxima tempada na División de Honra.

Tamén restaba por decidirse a última praza de descenso directo que afectou ao Bergantiños en beneficio do Valladares. Antes xa perderan a categoría Coruxo "B", Lugo "B", ambos por arrastre, e Boiro. 

O Pabellón acaba a Liga con 39 puntos na undécima posición nunha terna de catro equipos igualados a puntos e na que os branquiverdes saen beneficiados nunha "liga a catro".

FICHA TÉCNICA

Ural Español CF: Martín, Eladio (Queijeiro, m.66), Iván, Jorge (Jacobo, m.56), Thiago, Diego (Adrián, m.56), Ferreiro, Gonzalo, Seijo (Matías, m.66), Roi e Sergio (Seco, m.66).

Pabellón CF: Aimar (Abraham, m.66), Jorge, Bugallo, Lamus, André (Iker Sampayo, m.85), Mauro, Soriano, Ander (Gómez, m.74), Peke, Álex Riveiro (Jesús, m.85) e Mociño (Moure, m.66).

Árbitro: Alexandre Represas Rodríguez, asistido nas bandas por García Novo e Hajjout Ibrahim (Comité Galego-A Coruña). Amonestaron a Sergio (m.38) nos locais e a Soriano (m.73) nos visitantes. 

Goles: 0-1, m.64: Peke. 1-1, m.79: Thiago. 2-1, m.90: Seco, de penalti. 3-1, m.90+3: Matías.