Primeira Galicia

Balón de osíxeno para o Senior, que tras superar ao Velle sae do descenso

O Pabellón da Primeira Galicia deuse unha alegría despois de superar nos Remedios ao Velle, cun ramillete de xogadores que nalgún momento vestiron a elástica branquiverde. O triunfo chegou despois de dúas derrotas consecutivas que o habían situado en postos de descenso e despois de sumar estes tres puntos consegue abandoar esa fatídica situación na táboa clasificatoria.

Os tres goles do partido chegarían na segunda metade e despois de que os visitantes quedaran con un home menos pola expulsión de Jorge (m.63). O estupendo tanto do xuvenil Carlos e outro de Caseiro nos instantes finais deron unha renda de dous goles que resultou decisiva. O tanto do Velle, cando buscaron o recurso do fútbol directo, chegaría no desconto por medio de Ogando e sen tempo para máis.

Luis Parada, moi satisfeito

O técnico local estaba moi satisfeito ao final do partido e sinalaba: "Foi un partido moi disputado por ambos equipos e penso que na segunda parte, a raíz da expulsión dun xogador deles, fomos superiores, conseguimos os dous goles e despois sufrimos co fútbol directo deles". O preparador aseguraba: "Hoxe competimos moi ben".

Despois de 11 xornadas o equipo suma 11 puntos. Á pregunta de si esa media de puntos, un por partido, pode ser suficiente para conseguir a permanencia, Luis Parada entende que "se non hai arrastres, si".

FICHA TÉCNICA

Pabellón CF (2): Julián, Sergio, Unai (Marcos, m.70), Berni (Roberto (m.52), Carid (Cristian, m.76), Manu, Numan, Cacha, Carlos, Pancho (Caseiro, m.79) e Antón (Aldán, m.70).

CD Velle (1): Alberto, Adrián, Iago, Senén, Sergio, Jorge, Raúl Dinis (Marcos Jesús, m.46), Fabello (Ogando, m.77), Benito, Hugo (Carlos, m.80) e Braian (Oussama, m.75).

Árbitro: Martín Rodríguez, asistido nas bandas por Rodríguez García e Guerra Rúa (Comité Gañlego-Ourense). Amonestou a Pancho (m.64), Carid (m.74), Aldán (m.82) e Roberto (m.90) nos locais. Nos visitantes viron cartón amarelo Hugo (m.75) e Iago (m.87). Tamén expulsou con vermella directa a Jorge (m.63) e por dobre cartulina ao técnico Peluso (m.56 e 87).

Goles: 1-0, m.73: Carlos. 2-0, m.90: Caseiro. 2-1, m.90+7: Ogando.

Incidencias: Partido de undécima xornada da Primeira Galicia-Grupo 4º- Campo Miguel Ángel-Os Remedios de Ourense.