SEGUNDA FUTGAL

0-1 | O Sénior sae airoso do Outeiro do Miogo

DOMINGO 25/01/2026 (16:15)  Campo: OUTEIRO DO MIOGO (100)

UP TABOADELA: 0 – PABELLÓN CF: 1 (0-0)

O Sénior regresou do Outeiro do Miogo cos tres puntos tras impoñerse por 0-1 ao Taboadela nun encontro moi disputado e marcado polas constantes interrupcións que correspondía a xornada dezanove da Segunda Futgal.

A primeira metade estivo moi trabada, con moito xogo de contacto e pouco ritmo, condicionada polas lesións de dous xogadores do conxunto local, que tiveron que ser substituídos antes do descanso. Nese contexto, o Pabellón amosouse lixeiramente superior en canto a ocasións.

A primeira aproximación clara, porén, foi para o Taboadela aos cinco minutos, cun remate de Jonay, un dos futbolistas que posteriormente tería que abandonar o terreo de xogo por lesión. Pouco despois respondeu o cadro visitante cun disparo afastado de Aldán que estivo a piques de sorprender a Miguel, gardameta local. O propio Miguel tería que empregarse a fondo para desbaratar dous remates perigosos do equipo branquiverde antes do intermedio.

Os de Toño Sanmartín acumulan 31 puntos en dezanove xornadas
Os de Toño Sanmartín acumulan 31 puntos en dezanove xornadas

Tras o paso polos vestiarios mantívose a loita por cada balón, pero o Pabellón deu un paso adiante a nivel defensivo e logrou pisar con máis frecuencia a área rival. O conxunto dirixido por Toño Sanmartín mostrouse máis sólido e decidido, e esa melloría acabaría tendo premio. Nunha das chegadas visitantes, un pase filtrado de Moure atopou a Jhonny Nóvoa, que apenas levaba oito minutos sobre o céspede, e o atacante definiu con acerto para facer o 0-1.

Co marcador a favor, o Pabellón soubo controlar o tramo final do encontro, evitando ocasións claras do Taboadela e mantendo a súa vantaxe ata o asubío final. Un triunfo que permite aos branquiverdes alcanzar os 31 puntos na clasificación.

Na vindeira xornada, o Pabellón CF recibirá no campo Miguel Ángel ao Rayo 21, líder invicto do grupo, nun duelo de máxima esixencia.

Jhonny Nóvoa marcou o gol dos pabellonistas
Jhonny Nóvoa marcou o gol dos pabellonistas

FICHA TÉCNICA

UP Taboadela: Miguel, Iago (Stanley, m.83), Jorge Menor, Iker, Álex, Aarón, Xian, Daniel (Manuel, m.35), Santi (Noel, m.83), Jonay (David, m.18) e Hugo (Roberto, m.46).

Pabellón CF: Nacho, Miguel Ángel (Xoel, m.78), Luis, Pede, Rober, Sergio, Noli, Raúl (Guzmán, m.78), Numan (Jhonny Nóvoa, m.60), Aldán e Moure (Óscar, m.60).

Árbitro: Iago Borrajo Rodríguez (Comité Galego-Ourense). Amonestou a Manuel (m.84) nos locais e nos visitantes a Miguel Ángel (m.8), Aldán (m.57), Raúl (m.78), Rober (m.90) e Óscar (m.90)

Goles: 0-1, m.68: Jhonny Nóvoa.

Os capitáns de ambos equipos, Sergio (Pabellón) e Jorge Menor (Taboadela), co colexiado Iago Borrajo
Os capitáns de ambos equipos, Sergio (Pabellón) e Jorge Menor (Taboadela), co colexiado Iago Borrajo