1-2 | O Senior asalta O Carqueixal
DOMINGO 23/11/2025 (16:15) Campo: O CARQUEIXAL (150)
CD SEIXALBO: 1 – PABELLÓN CF: 2 (1-1)
O Pabellón conseguiu este domingo unha importante vitoria no sempre complicado campo de O Carqueixal, superando ao Seixalbo na 12ª xornada da Segunda Futgal.
Os de Toño Sanmartín asinaron un excelente partido, demostrando unha gran capacidade para adaptarse ao campo de terra e ás reducidas dimensións, factores que condicionaron claramente o desenvolvemento do xogo. Ademais, esta vitoria supón a primeira derrota do Seixalbo como local no que vai de competición.
O encontro comezou de forma inmellorable para os visitantes. Aos nove minutos, Numan adiantou ao Pabellón cun disparo rápido que sorprendeu ao gardameta local. O tanto reforzou a confianza dos ourensáns, moi serios na presión e sólidos na defensa, especialmente no xogo directo e nas disputas aéreas.
Na recta final da primeira metade, o Seixalbo conseguiu o empate na única acción de perigo neste periodo por medio de Dani Pérez, chegando ao descanso cun 1-1 que deixaba todo aberto.
Tras o paso polos vestiarios, o Pabellón volveu amosar a súa mellor versión, mantendo unha defensa inexpugnable e unha gran orde táctica. No minuto 65, Numan volveu aparecer para asinar o 1-2 definitivo, culminando unha actuación destacada.
O tramo final estivo cargado de emoción. O equipo de Toño Sanmartín contou con tres claras ocasións á contra para sentenciar, pero tamén padeceu dous sustos: primeiro nun despexe defectuoso dun gran Luis, que saíu rozando o traveseiro, e máis tarde nunha infracción non sinalada sobre Nacho —que tivo que ser substituído— que acabou nun disparo rival que Álvaro salvou baixo paus.
Co triunfo, o Pabellón suma a súa segunda vitoria consecutiva e alcanza os 19 puntos na clasificación, consolidando unha dinámica ascendente. Na próxima xornada, o equipo recibirá no Miguel Ángel ao Arenteiro “B”, coa intención de prolongar este bo momento competitivo.
FICHA TÉCNICA
CD Seixalbo: Chuchi, Fede, Bolaño, Álvaro (Iago, m.71), Diogo (Víctor, m.80), Adri, Nacho, Nespereira (Aviñoá, m.63), Pablo (Borja, m.80), Dani Pérez e Luchi.
Pabellón CF: Nacho (Anxo, m.90), Rober, Luis, Pede, Aldán, Sergio, Raúl (Jhonny Merlo,m.76), Noli, Numan (Óscar, m.90), Moure (Miguel Ángel, m.80) e Jhonny Nóvoa.
Árbitro: Miguel Quintas García (Comité Galego-Ourense). Amonestou ao adestrador local Miguel Ángel Doniz (m.79).
Goles: 0-1, m.9: Numan. 1-1, m.37: Dani Pérez. 1-2, m.65: Numan.