2-2 | O Xuvenil A sorprende en Abegondo
DOMINGO 15/03/2026 (11:30) Campo: O MUNDO DO FÚTBOL-ABEGONDO (150)
RC DEPORTIVO B: 2 – PABELLÓN CF: 2 (2-1)
O Xuvenil A sumou un valioso empate en Abegondo na 26ª xornada da Liga Nacional, nun escenario especialmente complicado no que o filial herculino acumulaba un pleno de doce vitorias como local. Este marcador permítelle sumar 26 puntos, aínda que o equipo segue afectado polos descenso por arrastre dende a División de Honra.
O encontro comezou da mellor maneira para o conxunto ourensán. Apenas transcorridos dous minutos, unha intensa presión de Nico sobre o central rival permitiulle recuperar o balón e adiantar ao Pabellón no marcador. O propio atacante tivo pouco despois outra ocasión moi similar que, incomprensiblemente, non acabou en gol.
Co paso dos minutos, o filial do Deportivo foi asumindo algo máis de posesión, aínda que sen crear excesivo perigo. Os locais comezaron a xerar accións a balón parado, sobre todo saques de esquina, aínda que a máis clara chegou nun balón solto fóra da área que Maikel resolveu cunha boa intervención.
O partido complicouse para os visitantes nos últimos minutos da primeira metade. No minuto 40, tras un córner e dous rexeites dentro da área, os herculinos lograron igualar o marcador. O golpe afectou ao Pabellón, e pouco despois, tras outro saque de esquina mal despexado, un xogador local recolleu o balón no borde da área e cravou un gran disparo na escuadra, culminando a remontada antes do descanso.
Na segunda metade o ritmo dos locatarios baixou. Ata arredor do minuto 60, momento no que o técnico visitante moveu o banco, o xogo apenas deixou ocasións. A partir de aí, o Pabellón deu un paso adiante: roubou máis balóns e buscou correr ás costas da defensa rival, xerando tres ocasións moi claras, dúas delas de Nico e outra de Iker Regueira.
Os coruñeses tamén ameazaron en algúns centros laterais, pero o premio para os visitantes chegou xa na recta final. A falta de cinco minutos, unha recuperación de balón permitiu a Iker Regueira escapar cara á portería, sendo derrubado dentro da área. Hugo non fallou desde os once metros, establecendo o definitivo 2-2. Nos últimos instantes o Pabellón soubo resistir o empuxe final do rival para asegurar un punto de moito valor.
O Pabellón ten por diante dous compromisos no Miguel Ángel. Primeiro o xoves festivo co Choco (11.30 horas) na cita aprazada da 19ª xornada e despois medirase o domingo (12 horas) ao Bertamiráns.
FICHA TÉCNICA
RC Deportivo B: Carlos, Sabino, Rubén (Janusz, m.77), Joaquín (Ramón, m.67), Xoel, Ander, Roi (Raúl, m.56), Guille, Gio (Crespo, m.67), Nico (Sergio, m.77) e Gael.
Pabellón CF: Maikel, Gael, Bruno (Samuel Ferraz, m.46), Tiago Barbosa, Martín, Iván, Ander, Fabio (Iker Sabín, m.73), Samu Villar (Iker Regueira, m.61), Nico (Jesús, m.69) e De Blasis (Hugo, m.61).
Árbitro: Rodríguez Campos, asistido nas bandas por Escribano Salgado e López Santiso (Comité Galego-A Coruña). Amonestaron a Xoel (m.35) nos locais e nos visitantes a Samuel Ferraz (m.90).
Goles: 0-1, m.2: Nico. 1-1, m.41: Gio. 2-1, m.43: Nico. 2-2, m.85: Hugo, de penalti.