1-2 | O Xuvenil A non mereceu a derrota
DOMINGO 30/11/2025 (12:00) Campo: MIGUEL ÁNGEL-OS REMEDIOS (150)
PABELLÓN CF: 1 – ATLÉTICO ARTEIXO: 2 (0-1)
O Pabellón non puido prolongar a súa serie positiva e caeu por 1-2 ante o Atlético Arteixo nun encontro da xornada 13ª da Liga Nacional Xuvenil no que os visitantes volveron impoñerse no Miguel Ángel, tal e como xa fixeran a pasada campaña.
A primeira metade resultou complicada para o conxunto branco-verde, que non estivo fino e apenas conseguiu pisar área rival. O Arteixo, máis cómodo e con maior posesión de balón, foi gañando terreo ata atopar o premio xusto antes do descanso. Un grave erro defensivo local derivou nun penalti tan claro como innecesario, que Diego López transformou no 0-1 cando só quedaba un minuto para chegar ao intermedio.
O inicio da segunda metade non puido ser peor. Aos cinco minutos, unha falta evidente sobre un defensor pabellonista quedou sen sanción arbitral e a xogada acabou co balón no fondo da portería local para establecer o 0-2, un golpe duro nun momento clave.
Con todo, o Pabellón non baixou os brazos. Rubén García moveu o banco con tres cambios case consecutivos e outro máis pouco despois, que lle deron ao equipo máis velocidade, profundidade e mordente ofensiva. O efecto notouse axiña: os ourensáns asumiron o control do partido, xeraron ocasións e metéronse de cheo na loita polo resultado.
O gol de Nico, superado o cuarto de hora da reanudación, abriu unha fiestra de esperanza, deixando vinte minutos finais nos que o Pabellón fixo méritos de sobra para puntuar. Mancebo estrelou unha falta no pau, o porteiro visitante realizou dúas paradas de gol e, na última acción do encontro, Iker Regueira non puido finalizar completamente só no segundo pau.
O esforzo non atopou recompensa e os tres puntos voaron, poñendo fin a unha serie de tres xornadas consecutivas sumando. O Pabellón queda con 18 puntos, os mesmos que tiña ao comezo desta décimo terceira xornada.
A próxima semana, o equipo visitará ao Coruxo no campo de Fragoselo, onde buscará recuperar sensacións ante un rival en posto de ascenso.
FICHA TÉCNICA
Pabellón CF: Roberto, Iván (Gael, m.56), Tiago Barbosa, André, Guille, Ander, Tiago Cerdeiro, Melguizo (Mancebo, m.68), Nico, David (Iker Regueira, m.56) e Simón (Hugo Veiras, m,.56).
Atlético Arteixo: Jorge, Iago, Asier, Breixo, Álvaro, Martín, Adrián (Losada, m.82), Sergio, Diego López (Diego Novio, m.65), Kevin (Santiago, m.76) e Mael.
Árbitro: Manuel Casanova Cudeiro, asistido nas bandas por Cerreda Ferrón e Rúa Álvarez (Comité Galego-Ourense). Amonestaron a Iker Regueira (m.71) nos locais e nos visitantes a Breixo (m.71) e con cartón vermello directa ao suplente Jairo (m.58).
Goles: 0-1, m.44: Sergio, de penalti. 0-2, m.50: Diego López. 1-2, m.71: Nico.