LIGA NACIONAL XUVENIL

1-1 | Empate do Xuvenil A nun partido corpo a corpo

DOMINGO 09/11/2025 (16:30)  Campo: MUNICIPAL DE BERTAMIRÁNS (150)

BERTAMIRÁNS CF: 1 – PABELLÓN CF: 1 (0-0) 

O Pabellón sumou un novo punto na súa visita a un dos campos máis complicados da categoría ao empatar fronte ao Bertamiráns na décima xornada da Liga Nacional Xuvenil. Os ourensáns, que acumulan xa 14 puntos e ocupan a oitava posición, asinaron un encontro moi serio ante un rival que apostou por un fútbol moi directo e físico, con moita disputa no xogo aéreo e constantes duelos corpo a corpo.

A primeira metade desenvolveuse con moita igualdade e escasas ocasións, aínda que os branquiverdes estiveron preto de adiantarse nun disparo de Simón que se estrelou no traveseiro, a mellor ocasión antes do descanso.

Xa na reanudación, o conxunto local logrou poñerse por diante cun remate de Agustín, nunha acción que os pupilos de Rubén García reclamaron como fóra de xogo. Lonxe de acusar o golpe, o Pabellón reaccionou con carácter e acadou o empate por medio de Ander, tras a execución dun saque de esquina.

Ander anotou o gol do empate para os pabellonistas

Nos intres finais, o cadro ourensán puido levarse o triunfo nunha acción individual de Jesús que deixou a Lucas só ante o porteiro, pero o seu disparo marchou desviado por pouco.

Ao final, 1-1 e sensación de bo traballo colectivo para un Pabellón que continúa amosando solidez e competitividade. Na próxima xornada, os ourensáns recibirán no Miguel Ángel ao AJ Lérez.

FICHA TÉCNICA

Bertamiráns CF: Marcos, Román (Rubén Varela, m.80), Xavier, David, Fabián (Daniel, m.80), Anxo, Gabriel (Rubén Rama, m.58), Mateo, Agustín (Uxío, m.80), Diego (Mateo, m.80) e Facal.

Pabellón CF: Roberto, Iván (Jesús, m.68), Tiago Barrbosa, André, Guille, Ander, Melguizo (David, m.62), Lucas, Nico (Gael, m.68), Veiras (Tiago Cerdeiro, m.62) e Simón (Bruno, m.88).

Árbitro:  Raúl García Veiras, asistido nas bandas por Troitiño Pose e Rivas Boquete (Comité Galego-Santiago). Amonestaron a Román (m.54) e Daniel (m.90) nos locais e nos visitantes a André (m.85).

Goles: 1-0, m.56: Agustín. 1-1, m.77: Ander.