A falta de puntería condena ao Xuvenil "A"
Derrota nos Remedios do Pabellón (0-2) diante do Atlético Coruña Montañeros dentro da Liga Nacional Xuvenil, nun partido no que os locatarios fixeron méritos para un desenlace diferente.
Na primeira metade os coruñeses tiveron máis posesión de balón con circulacións rápidas. Mentres, os pabellonistas non estiveron cómodos ata os instantes finais deste periodo, pero gozaron da mellor ocasión nun remate coa testa de Álex Riveiro que o meta rival Marcos desvíou co balón camiño da rede.
Os herculinos buscaron nas accións a balón parado unha das vías para sorprender aos locatarios, que neutralizaron ben ese tipo de xogadas. Sen movemento no marcador chegaríase ao descanso.
Segundo tempo
A segunda parte comezou mellor o cadro visitante pero rápidamente os de Iván Alonso tomaron o control do partido para gozar de tres claras ocasións en accións de gol. Na primeira o disparo de Soriano a bocaxarro petou nun pé do porteiro e o balón foise pegado ao pao.
Na segunda un centro pasado ao segundo pao tocouno Álex Riveiro ao medio e alí Samuel non puido culminar a acción e na terceiro iste mesmo xogador roubou un balón ao meta adversario e tras perder ángulo de tiro rematou de tacón e Marcos desviou a traxectoria do esférico.
Duro golpe
Cando mellor estaban os locais chegaría o gol herculino nunha contra culminada por Diego, que apenas levaba seis minutos no campo. Foi un duro golpe para as aspiracións locais, que pasaron por uns minutos complicados asimilando a situación. Nese impas de tempo, cinco minutos, chegaría o segundo dos coruñeses obra de Hugo.
Con ese panorama non lle quedou outra aos pabellonistas que arriscar, pero os minutos foron pasando e tras un par de oportunidades para volver a meterse de cheo no partido, ao final o marcador non se movería.
Este mércores festivo haberá unha nova xornada de Liga na que o Pabellón visita ao Victoria no campo de A Grela 1 a partir das 12:15 horas.
A xornada
O desenlace da oitava data do campionato tivo un claro cor local xa que houbo un triunfo para os equipos actuaban como anfitrios, tres empates e cinco vitorias dos visitantes.
Os nove partidos deixaron 25 goles, 7 dos conxuntos locatarios e 18 dos forasteiros. O marcador máis amplo rexistrouse no campo de A Gándara coa derrota do Valadares contra o Alondras (1-5).
O Deportivo "B" é o líder (24 puntos) e o conxunto que menos encaixa con tres tantos. A segunda posición é para o Celta "B" (19) que é o equipos máis realizador con 35 dianas.
As dúas prazas de ascenso están nestes intres en máns de Conxo Santiago (15) e Alondras (14) e os dous postos de descenso directo están ocupadas por Boiro (5) e Lugo "B" (4).
O Coruxo "B" sofre o arrastre do seu primeiro equipo dende a División de Honra e o Porriño tamén está afectado a día de hoxe polo Val Miñor.
FICHA TÉCNICA
Pabellón CF (0): Abraham, Tiago (Guzmán, m.72), Bugallo (Ander, m.81), Camilo, Simón, Adrián (Samuel, m.46), Soriano, Machaca, Cougil, Álex Riveiro (David, m.72) e Peke (Miguel, m.46).
Atl. Coruña Montañeros (2): Marcos, Daniel, Óscar (Adrián, m.85), Víctor, Brais, Sierra, Iván (Diego, m.58), Achore, Hugo (Teo, m.75), Álex (Sergio, m.85) e Nico (Marcote, m.46).
Árbitro: Borja Cardoso, asistido nas bandas por Ero Rodríguez e Jaimies Mosquera (Comité Galego-Ourense). Amonestaron a Álex Riveiro (m.66) nos locais e a Achore (m.63) nos visitantes, que sufriron a expulsión de Andrés (m. 90+1), que estaba no banquillo.
Goles: 0-1, m.64: Diego. 0-2, m.69: Hugo.
Incidencias: Partido da oitava xornada da Liga Nacional Xuvenil-Grupo 1º. Campo Miguel Ángel-Os Remedios de Ourense.