Vitoria do Pabellón (2-1) no tramo final do partido da Segunda Galicia-Grupo 2º contra o Trives no campo de Os Remedios, onde os branquiverdes seguen mantendo a súa fortaleza con 12 puntos de 15 posibles. O triunfo deixa ao equipo na oitava posición.
Na primeira metade o partido estivo dominado polas defensas. Ambos equipos buscaron o área pero as accións morrían antes de que puidese orixinarse algún tipo de acción perigosa, agás un remate de cabeza á saída dun saque dende o curruncho que se foi alto por pouco.
O técnico local Toño Sanmartín tivo que mover moi cedo (16´) o banquillo pola lesión de Iago, dando entrada ao xuvenil Mario. Dez minutos máis tarde chegaría o primeiro tanto pabellonista cun potente disparo de Iván dende fóra do área.
Os minutos pasaban sen apuros para uns e outros ata que unha falta sobre o área local acabaría rematandoa a gol Adán sen apenas oposición e cando restaban dez minutos para o descanso. Ata o final deste periodo non se movería máis o marcador.
Segunda parte
No retorno de vestiarios os pabellonistas foron gañando terreo ata pasar a dominar con insistencia. Chegarían algunhas oportunidades para anotar, as máis claras un disparo ao traveseiro e un balón sacado debaixo da portería por un defensor visitante.
Ante a inistencia local conseguiría o premio do segundo gol anotado por Cacha despois dun roubo de balón de Mael. Restaban cinco minutos e aínda puido chegar o terceiro nun disparo de Sergio ao pao.
Mentres, nesta segunda metade o Trives apenas inquietaría a portería de Nacho en accións de estratexia. Ao final tres puntos máis para os branquiverdes. Na próxima data da competición o Pabellón visita ao Vilar de Barrio en A Corga.
A xornada
A fin de semana estivo marcada pola igualdade na maioría dos partidos, nos que houbo tres empates, tres vitorias locais e dúas dos visitantes. Anotáronse 32 goles dos que 15 foron para os equipos que xogaban no seu campo e 17 para os foráneos.
No campo de Vista Hermosa o choque entre Paderne e Piñeira Seca diexou 9 tantos con triunfo dos segundos, que igualan ao Viana como equipos máis realizadores do grupo con 25 dianas. O Rocas fixo 5 na visita ao Parada do Sil.
O choque máis destacado da xornada xogouse no campo de As Carrelas co triunfo do Viana sobre o Córgomo que deixa aos primeiros máis líderes cunha vantaxe de catro puntos sobre a escuadra valdeorresa, que ocupa zona de promoción xunto ao Rocas, que é o mellor equipo defensivamente con tan só 8 dianas encaixadas..
A zona de descenso está ocupada por: Paderne, Taboadela, Trives, Vilar de Barrio, Soutopenedo, A Bola e Parada do Sil. A táboa de goleadores está encabezada por José Ángel Sotelo (Piñeira Seca) con 8 goles e perseguido por Jonathan Fernández (Rocas) con 7 tantos.
FICHA TÉCNICA
Pabellón CF (2): Nacho, José, Rober, Miguel Ángel, Iago (Mario, m.16), Aldán, Cacha, Sergio, Iván (Mael, m.57), Diego e Iago Nieto (Sandro, m.76).
CD Trives (1): Daniel, Bolés, Luisao (Juanmi, m.63), Adán, Jhosúa, Balbás, Chaky, Eric (Aarón, m.78), Brais (Isma, m.55), Dani e Coli (Víctor, m.78).
Árbitro: Martín Pérez Quintas (Comité Galego-Ourense). Amonestou a Chaky (m.78) e Aarón (m.90) nos visitantes.
Goles: 1-0, m.26: Iván. 1-1, m.35: Adán. 2-1, m.85: Cacha.
Incidencias: Partido da novena xornada da Segunda Galicia-Grupo 2º. Campo Miguel Ángel-Os Remedios de Ourense.