Previa | O Xuvenil A, ante o reto de gañar
Pabellón CF - Alondras CF (Miguel Ángel-Os Remedios; domingo 8, 12:00 horas):
O Xuvenil A recibe ao Alondras nun duelo directo pola permanencia correspondente á 25ª xornada da Liga Nacional Xuvenil, nun encontro que se presenta clave para as aspiracións de ambos conxuntos nesta recta decisiva do campionato.
O cadro pabellonista necesita reencontrarse coa vitoria tras catro derrotas consecutivas, unha mala dinámica que provocou que o equipo caese ata a decimocuarta posición con 25 puntos, entrando na zona de descenso polos arrastres procedentes da División de Honor.
Ademais, o Miguel Ángel non está a ser o fortín esperado esta tempada, xa que os locais acumulan sete derrotas e só catro vitorias como anfitrións, uns rexistros que o equipo tratará de mellorar nun partido de enorme importancia para recuperar confianza e sumar tres puntos vitais.
Pola súa banda, o Alondras chega tamén nun momento complicado, situado na decimosexta posición con 19 puntos, igualmente afectado pola zona de descenso por arrastre. O conxunto pontevedrés encadea cinco xornadas sen coñecer a vitoria, unha serie negativa que o mantén en plena loita por escapar das últimas posicións.
Lonxe do seu feudo, os do Morrazo presentan un balance de tres vitorias, un empate e seis derrotas, con trece goles a favor e vinte e oito en contra, números que evidencian as dificultades que están a ter como visitantes.
No enfrontamento da primeira volta disputado no Morrazo, ambos equipos protagonizaron un choque moi igualado que rematou con reparto de puntos (2-2), un precedente que anticipa outro partido intenso entre dous conxuntos que xóganse moito máis que tres puntos na loita pola permanencia.
Rubén García ten as baixas de André, Melguizo, Veiras, David e Gómez. Recupera ao defensa Gael tras cumprir sanción por acumulación de amonestacións.
A arbitraxe estará a cargo de Adrián Estévez Blanco, asistido nas bandas por Guzmán Falcón e Lorenzo Soto, do Colexio de Ourense. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partidos e horarios correspondentes á XORNADA 25.