Previa | O Xuvenil A, á procura de puntos en Elviña
Ural Español CF - Pabellón CF (Elviña Grande; sábado 14, 12:15 horas):
A 22ª xornada da Liga Nacional Xuvenil leva este sábado ao Xuvenil A ata terras herculinas para medirse a un dos conxuntos máis competitivos do campionato, o Ural Español, nun duelo de alta esixencia.
O cadro coruñés ocupa actualmente a quinta posición con 34 puntos e, malia que chegou a estar inmerso na pelexa polos postos de ascenso, viu freada a súa progresión tras sumar só un punto nas tres últimas xornadas, un pequeno baixón que o afastou das primeiras prazas. Con todo, o Ural amósase como un bloque sólido no seu feudo, onde rexistrou catro vitorias, tres empates e dúas derrotas, cun balance goleador moi destacado: 25 tantos a favor e apenas 10 en contra, números que evidencian a súa fortaleza como local.
Pola súa banda, o Pabellón chega situado na oitava praza con 25 puntos, nunha zona media-baixa tremendamente comprimida. Os ourensáns manteñen unha renda de tan só tres puntos sobre o descenso, condicionado polo efecto arrastre dos catro equipos galegos que, antes do inicio da xornada, caerían da División de Honra. Este contexto engade aínda máis presión a cada encontro nesta recta do campionato.
Lonxe do Miguel Ángel-Os Remedios, o conxunto branquiverde está a ofrecer un rendemento competitivo, con tres triunfos, catro empates e tres derrotas, 14 goles marcados e 15 encaixados, cifras que reflicten equilibrio e capacidade para puntuar en escenarios esixentes.
Nunha clasificación tan apertada da metade da táboa cara abaixo, sumar algo positivo nesta complicada saída sería un impulso clave para o equipo ourensán, tanto a nivel clasificatorio como anímico. O choque preséntase, así, como unha proba de carácter para un Pabellón que busca reafirmarse e dar un paso firme cara á permanencia.
Rubén García ten as baixas de Samuel Villar, Lucas, Álex Riveiro, Gómez, Samuel Ferraz e o sancionado Iker Regueira. Recupera a Jesús, Ander e Bruno á espera de que non xurda algún imprevisto no adestramento desta tarde.
Alejandro Castro Alarcón, asistido nas bandas por Reñones Lema e Saavedra Méndez, do Colexio de A Coruña, serán os encargados da arbitraxe. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partidos e horarios correspondentes á XORNADA 22.