LIGA NACIONAL XUVENIL

Previa | Nova pugna directa para o Xuvenil A

Atlético Arteixo - Pabellón CF (Ponte dos Brozos; domingo 19, 18:00 horas):

O Xuvenil A (33 puntos) afronta este fin de semana un partido importantísimo pola permanencia na 30ª xornada da Liga Nacional Xuvenil, coa visita ao campo do Atlético Arteixo (34). Os dous conxuntos chegan separados por tan só un punto na clasificación, cando restan cinco xornadas para o remate, o que converte o duelo nun enfrontamento directo de máxima importancia.

O cadro coruñés amósase competitivo como local, cun balance de tres vitorias, sete empates e catro derrotas, con 23 goles a favor e 25 en contra. Pola súa banda, o Pabellón chega nun bo momento de forma, acumulando catro xornadas sen perder, con dúas vitorias consecutivas nas súas últimas comparecencias.

Fóra do Miguel Ángel, os blanquiverdes presentan un rexistro equilibrado de catro triunfos, cinco empates e cinco derrotas (21 goles a favor e 22 en contra), co obxectivo de sumar e dar un paso adiante na loita por asegurar a continuidade na categoría.

Rubén García non poderá contar para este choque con Melguizo, Veiras, Iker Regueira e Samu Villar, ao tempo que Bericat e André son dúbidas. Recupera a David e á espera do último adestramento semanal deste venres. 

A arbitraxe estará a cargo de Marcos Ordóñez Rodríguez, asistido nas bandas por Grille Landeira e Miguel Pazos, do Colexio de A Coruña. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partidos e horarios da XORNADA 30.