LIGA NACIONAL XUVENIL

Previa | O Xuvenil A viaxa a Lugo

CD Lugo B - Pabellón CF (A Cheda; domingo 1, 16:00 horas):

O Xuvenil A visita ao Lugo B no partido correspondente á 24ª xornada da Liga Nacional Xuvenil no campo de A Cheda, un escenario no que os locais veñen amosando unha notable fortaleza.

O conxunto lucense ocupa unha cómoda sétima posición con 33 puntos, aínda que tamén está pendente do que aconteza co primeiro equipo na División de Honra, onde loita pola permanencia e pode condicionar a situación clasificatoria por arrastre. En todo caso, os números do filial como local falan por si sós: sete vitorias e só tres derrotas en dez encontros, cun balance de 22 goles a favor e 18 en contra. A última caída en A Cheda produciuse a pasada xornada fronte ao Ural Español, polo que os vermellos buscarán reencontrarse co triunfo.

Pola súa banda, o Pabellón chega á cita situado na duodécima praza con 25 puntos, a tan só un do descenso por arrastre, unha circunstancia que converte o choque nun duelo de máxima necesidade para os de Ourense. O cadro branquiverde acumula tres derrotas consecutivas, unha dinámica negativa que precisa frear canto antes para evitar complicacións maiores na recta final do campionato.

Como visitante, o balance do Pabellón é irregular: tres vitorias, catro empates e catro derrotas, con 14 goles marcados e 17 encaixados. Así pois, o encontro preséntase como unha dura proba para os ourensáns, que precisan sumar para afastar pantasmas, fronte a un Lugo B que quere facer valer a súa solidez como local e manterse na zona tranquila da táboa.

Rubén García perde para este partido a Gael, por acumulación de amonestacións, e André debido á fractura dos osos nasais. Son altas Álex Riveiro, que volve a unha convocatoria dende que se lesionara o 1 de decembro do 2024 contra o Deportivo B, Lucas, Samu Villar e Veiras.

A arbitraxe estará a cargo de Iván Abel Bruzos, asistido nas bandas por Cupeiro Castro Fernández López, do Colexio de Lugo. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partidos e horarios correspondentes á XORNADA 24.