Previa | O Xuvenil "A" visita a un rival forte na casa
AJ Lérez – Pabellón CF (Manolo Barreiro 1; domingo 15, 12:00 horas):
Despois dunha pasada fin de semana sen competición, aínda que o venres festivo disputaron o partido pendente en Valladares (0-0), o conxunto pabellonista visita a un rival forte no seu campo na cita correspondente á decimocuarta xornada da Liga Nacional.
Os pontevedreses, que acumulan 17 puntos no undécimo posto, sumaron 13 no Manolo Barreiro despois de catro vitorias e un empate. Soamente o Celta "B" gañou aos locatarios na primeira xornada de competición. Nos cinco partidos anotaron 17 goles e recibiron 7.
Pola súa parte, o Pabellón, con 28 puntos e ocupando posto de ascenso, viaxa coa intención de sumar os tres puntos para seguir mantendo distancia cos perseguidores.
O adestrador ourensán Iván Alonso non poderá contar para este partido con David e Álex Riveiro, mentres que Abraham non puido adestrar en toda a semana por un virus. Quen xa parece recuperado é Julián despois de adestrar con normalidade eses días.
A arbitraxe correrá a cargo de Alejandro Gómez Cerqueiro, asistido nas bandas por Loureiro Diz e Pousada Martínez, do Colexio de Pontevedra. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partridos e horarios da XORNADA 14.