Previa | Partido trampa para o Senior
CD Caldelao Inter Ribeira Sacra - Pabellón CF (O Teso; domingo 21, 16:15 horas):
O Senior pechará este domingo o ano competitivo cunha visita ao campo de O Teso, onde se medirá ao Caldelao nun encontro correspondente á 16ª xornada da Segunda Futgal, última cita do 2025.
O conxunto local chega á xornada situado na derradeira posición da táboa con 7 puntos e polo tanto ocupando praza de descenso, unha clasificación que non reflicte del todo o seu rendemento ofensivo. Non en van, o Caldelao suma 29 goles a favor, unha cifra elevada para un equipo da zona baixa, aínda que tamén presenta o reverso da moeda ao ser o máis goleado da categoría con 51 tantos encaixados. En O Teso gañaron na primeira xornada ao Cortegada e, máis recentemente, arrincaron un empate fronte ao Coles.
Pola súa banda, o Pabellón comparece no encontro cunha dinámica claramente positiva. Os ourensáns ocupan a sétima praza con 24 puntos e encadean cinco xornadas consecutivas sumando, unha racha que lles permitiu asentarse na zona media-alta da clasificación e mirar con ambición o tramo final da primeira volta.
O choque esixirá dos pabellonistas capacidade de adaptación ás condicións do terreo de xogo, onde será clave apostar por un fútbol práctico e eficaz, minimizando erros ante un rival que castiga con facilidade en ataque. Sen dúbida, trátase dun partido incómodo, no que o Pabellón buscará facer valer o seu momento de forma para sacar un resultado positivo e despedir o ano da mellor maneira posible.
Nos pabellonistas non estarán Rubén, Enrique, Changui, Cacha e Guzmán, á espera do último adestramento deste venres. Toño Sanmartín recupera a Sergio e Pede, ausentes a pasada semana por sanción, e ao cántabro Luis.
Gabriel Márquez Pérez é o arbitro designado. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partidos e horarios da XORNADA 16.