Previa | O Senior volve á competición

Pabellón CF - CD Covadonga (Miguel Ángel-Os Remedios; domingo 9, 12:00 horas):
Despois de dúas semanas sen competir, unha por descanso e outra polo Entroido, repite como local ante un rival situado na metade da Terceira Futgal-Grupo 1º. O choque corresponde á xornada dezanove e neste caso será en horario mañaneiro.
A táboa clasificatoria mostra unha clara brecha entre os catro primeiros clasificados e o resto de equipos, polo que serán eses conxuntos quenes loiten ata o final pola praza de ascenso directo e dúas de promoción. Un deses catro quedará fóra de toda opción.
O Pabellón é terceiro clasificado con 33 puntos, superado por Moreiras (38) e Atlético Trelle (35) e co Amoeiro (32) ao acecho. Estes dous últimos mediránse este sábado no campo de Albán en Coles.
Pola súa parte, o Covadonga (22 puntos) como visitante gañou dous partidos e perdeu cinco. Nesas sete confrontacións marcou oito goles e recibiu vinte e catro. Na primeira volta os de Eiroás gañaran 2-1.
Os branquiverdes perden para o que resta de tempada ao centrocampista Diego ao confirmarse a súa lesión nun xeonllo que o obriga a pasar polo quirófano.Toño Sanmartín tampouco poderá contar con Cacha, Nacho e Changui, ao tempo que están entre algodóns Pibe, Aldán, Madrigal, Román e Ignasi. Na convocatoria entrará algún xuvenil.
Álvaro Cid Rodríguez é o colexiado desginado para este partido. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partidos e horarios correspondentes á XORNADA 19.