Previa | O Sénior quere retornar ás vitorias
Pabellón CF - CD Cenlle (Miguel Ángel-Os Remedios; sábado 14, 17:00 horas):
A 22ª xornada da Segunda Futgal trae consigo un novo compromiso no Miguel Ángel, onde o Sénior recibirá na tarde do sábado ao Cenlle nun encontro con obxectivos ben distintos para ambos conxuntos.
O cadro visitante chega a esta cita situado na decimoquinta posición da táboa con 17 puntos, en plena loita por aumentar a súa distancia respecto aos postos de descenso. O Cenlle non atravesa o seu mellor momento, xa que acumula tres derrotas consecutivas, unha dinámica que tratará de frear en Ourense para recuperar confianza e sumar nun campo esixente.
Lonxe do seu feudo, os números reflicten as dificultades do conxunto visitante: dúas vitorias, un empate e sete derrotas, con dezaoito goles a favor e trinta e dous en contra. De feito, con cincuenta e oito dianas encaixadas no que vai de campionato, é o equipo máis goleado da categoría, un dato que evidencia os seus problemas defensivos.
Pola súa banda, o conxunto blanquiverde afronta o choque coa intención de retornar ao camiño da vitoria tras dúas derrotas consecutivas que frearon a súa progresión clasificatoria. Actualmente ocupa a oitava praza con 31 puntos, situado na zona media-alta e coa vontade de non descolgarse dos postos nobres.
O factor campo pode ser determinante. No Miguel Ángel, o Pabellón amosouse competitivo ao longo do curso, sumando seis vitorias, un empate e catro derrotas ante a súa afección. A solidez como local será unha das bazas principais nun duelo no que os ourensáns buscarán levar a iniciativa desde o inicio.
En definitiva, partido con necesidades distintas pero con moito en xogo: o Cenlle precisa puntuar para afastarse do perigo, mentres que o Pabellón quere reafirmarse na súa fortaleza como local e recuperar sensacións ante a súa xente. Na primeira volta os pabellonistas venceran (1-3) no campo de Rúa Nova.
Toño Sanmartín non poderá contar por diversos motivos con Rubén, Miguel Ángel, Changui, Guzmán e Luis, á espera do último adestramento deste venres.
Miguel Quintas García estará a cargo da arbitraxe do partido. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partidos e horarios da XORNADA 22.