Previa | O Senior abre o ano coa Copa
Pabellón CF - Antela FC (Miguel Ángel-Os Remedios; sábado 3, 16:30 horas):
O equipo Senior inicia o ano disputando a eliminatoria a partido único dos dezaseisavos de final da Copa Deputación medíndose ao Antela. Na rolda anterior os pabellonistas eliminaran ao Paderne.
A escuadra local, que milita na Segunda Futgal, afronta a cita coa ilusión propia dun torneo do K.O., consciente de que ten moito que gañar e pouco que perder fronte a un rival que parte a priori como favorito. En fronte estará un Antela que está a render a un bo nivel no Grupo Sur da Preferente Futgal, categoría superior e con maior esixencia competitiva, o que lle outorga esa condición de candidato a avanzar de rolda.
Os branquiverdes tratarán de facer valer o factor campo e a intensidade que adoita marcar este tipo de eliminatorias para equilibrar a balanza e competir de ti a ti ante un adversario máis experimentado. A Copa volve presentarse como unha oportunidade para reivindicarse e medir o crecemento do equipo ante un rival de entidade.
Como antecedente recente, cómpre lembrar que na tempada 2022-23 o Pabellón xa foi quen de eliminar ao conxunto limián nesta mesma competición, daquela na rolda de trinta e dousavos de final, cun triunfo por 1-0. O tanto foi obra de Carlos, entón xuvenil do club pabellonista e que na actualidade defende as cores do seu equipo de orixe, o Antela.
Nos pabellonistas non serán da partida por diferentes causas: Rubén, Changui, Enrique, Guzmán, Óscar, Luis e Nacho, neste caso por sanción. Jhonny Merlo é dúbida á espera do último adestramento deste venres. Con este panorama Toño Sanmartín completará a convocatoria con xuvenís.
Brais Rodríguez García é o arbitro encargado de impartir xustiza. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partidos e horarios da eliminatoria de DEZASEISAVOS.