Previa | Manter a boa liña, obxectivo do Sénior
Pabellón CF - Cortegada CF (Miguel Ángel-Os Remedios; domingo 8, 16:30 horas):
O Sénior afronta este domingo no Miguel Ángel un novo compromiso ligueiro correspondente á 25ª xornada da Segunda Futgal, no que recibirá ao Cortegada cun escenario que invita ao optimismo para os blanquiverdes.
O conxunto pabellonista chega nun bo momento de forma, algo que avalan as súas tres últimas vitorias, dúas delas de maneira consecutiva lonxe do seu campo, unha serie de resultados que lle permitiron escalar ata a sétima posición da clasificación con 40 puntos. Ademais, coa permanencia totalmente encamiñada, as matemáticas seguen mantendo vivo o soño da promoción, xa que os ourensáns atópanse a oito puntos dos dous primeiros postos.
Un dos factores que explican a boa tempada do equipo é o seu rendemento como local. No campo do Miguel Ángel, o Pabellón presenta uns números máis que solventes, con sete vitorias, un empate e catro derrotas, rexistros aos que se engaden 25 goles a favor e 16 en contra, datos que reflicten a solidez do cadro blanquiverde diante da súa afección.
Pola súa banda, o Cortegada tamén chega nun momento competitivo interesante, xa que só perdeu un dos seus últimos cinco partidos, o que demostra a súa capacidade para manterse vivo nos encontros. Con todo, a súa gran asignatura pendente está nos desprazamentos, onde aínda non coñece a vitoria nesta tempada, sendo o único equipo da categoría que non gañou como visitante. Fóra da súa casa apenas logrou un empate, cun balance de 10 goles marcados e 33 encaixados, cifras que evidencian as dificultades que está a ter lonxe do seu campo.
O precedente da primeira volta deixa ademais un recordo recente entre ambos equipos. No encontro disputado en A Lomba, Pabellón e Cortegada repartiron puntos nun espectacular 3-3, nun duelo no que os pabellonistas chegaron a dispoñer dunha vantaxe de tres goles, pero que finalmente rematou en táboas.
Con estes antecedentes, o partido preséntase como unha nova oportunidade para que o Pabellón prolongue a súa boa dinámica e siga mirando cara á zona alta da táboa, mentres que o Cortegada tratará de romper a súa mala serie como visitante e dar a sorpresa no Miguel Ángel.
Toño Sanmartín non serán da partida por distintas causas Rubén, Miguel Ángel, Changui, Luis e Raúl, á espera do último adestramento deste venres.
A arbitraxe estará a cargo de Juan Ramón Dapía Francisco. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partidos e horarios da XORNADA 25.