LIGA NACIONAL XUVENIL

Previa | O Xuvenil A xoga nun Abegondo inexpugnable

RC Deportivo B - Pabellón CF (O Mundo do Fútbol-Abegondo; domingo 15, 11:30 horas):

Xuvenil A afronta este fin de semana un dos compromisos máis esixentes da tempada coa visita ao campo do Deportivo B, nun encontro correspondente á 26ª xornada da Liga Nacional Xuvenil.

O conxunto herculino chega á cita como segundo clasificado con 61 puntos, tras completar unha campaña case impecable na que só cedeu dúas derrotas, ambas a domicilio. Ademais, o seu rendemento como local está a ser practicamente perfecto: en Abegondo suman doce vitorias en doce partidos, cun balance ofensivo espectacular de 52 goles a favor e 13 en contra, cifras que explican o seu papel protagonista na loita polos postos altos da táboa.

Pola súa parte, o Pabellón chega a este duelo nun momento delicado da tempada. As cinco derrotas consecutivas sufridas nas últimas xornadas provocaron que os ourensáns caesen ata os postos de descenso por arrastre que provoca a División de Honra, ocupando actualmente o decimoquinto lugar con 25 puntos.

Con estes antecedentes, o encontro preséntase francamente complicado para os pabellonistas, que terán que realizar un partido moi serio se queren sorprender a un rival que se está mostrando intratable no seu feudo e que continúa firme na súa carreira polos primeiros postos da clasificación.

Rubén García ten as baixas por lesión de Álex Riveiro, Melguizo, David, Veiras, André e Gómez, mentres que Guille e Tiago Cerdeiro non estarán por acumulación de amonestacións. Recupera ao defensa Samuel Ferraz.

A arbitraxe estará a cargo de Rodríguez Campos, asistido nas bandas por Escribano Salgado e López Santiso, do Colexio de A Coruña. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partidos e horarios correspondentes á XORNADA 26.