LIGA NACIONAL XUVENIL

Previa | Desafío enorme para o Xuvenil A co líder

RC Celta B - Pabellón CF (A Madroa; sábado 10, 12:30 horas):

O fútbol xuvenil de Liga Nacional regresa tras o parón do Nadal cun dos retos máis esixentes posibles para o Pabellón, que este fin de semana visita ao Celta B nun encontro que, ademais de reanudar a competición no novo ano, servirá para pechar a primeira volta do campionato.

O conxunto celeste chega á cita como líder indiscutible da categoría, cun pleno de vitorias que o situaron no máis alto da táboa con 48 puntos. Os números do filial vigués son contundentes: 70 goles a favor e só 10 en contra, rexistros que explican a súa superioridade ao longo destas xornadas. Un dato curioso é que nove dos dez goles encaixados chegaron en A Madroa, escenario no que, malia todo, continúa a mostrarse intratable.

Pola súa banda, o Pabellón, oitavo clasificado con 21 puntos, afronta un encontro moito máis ca complicado, consciente da entidade do rival e do contexto da cita. Os branquiverdes saben que se medirán ao equipo máis forte do grupo, pero tamén que este tipo de partidos son unha oportunidade para medirse aos mellores e crecer como colectivo.

O obxectivo dos pabellonistas será claro: competir ao máximo nivel, poñer todo da súa parte e tentar ser o primeiro equipo capaz de puntuar fronte a un rival que, ata o momento, non coñece a derrota. A tarefa é enorme, mais se algo non lle vai faltar ao cadro ourensán é ilusión, ambición e ganas de comezar o 2026 deixando unha boa imaxe nun dos campos máis esixentes da categoría.

O técnico ourensán Rubén García non poderá contar neste partido con Ander e Samuel Ferraz  é dúbida. Mentres, xa están dispoñibles Gómez e Samuel Villar despois de acumular un periodo longo lesionados, ao tempo que Mancebo causa baixa no equipo, agradecéndolle o club os seus servizos e desexándolle sorte no futuro.

A arbitraxe estará a cargo de Darío Costas Rodal, asistido nas bandas por Medina Espeso Gonçalves Ubeira, do Colexio de Vigo. Pinchando no seguinte enlace pódense ver os partidos e horarios correspondentes á XORNADA 17.