Goles contra o Cancro Infantil
O Pabellón CF apoiará esta fin de semana a iniciativa solidaria da Fundación Unoentrecienmil baixo o lema “Goles contra o Cancro Infantil”, unha acción que une deporte e compromiso social co obxectivo de apoiar aos nenos e nenas que loitan contra esta enfermidade.
Durante a xornada, os equipos infantís de División de Honra e Preferente Futgal do club xogarán por algo máis que tres puntos. Por cada gol que marquen os seus xogadores, o club doará 5 euros á Fundación Unoentrecienmil, entidade de referencia na investigación contra a leucemia infantil.
Dende o club destácase que esta campaña pretende converter cada tanto nun símbolo de esperanza: “Cada gol é esperanza, cada xesto suma”, subliñan dende a entidade, que volve demostrar que o fútbol base tamén ten un papel fundamental fóra do terreo de xogo.
Con esta acción, o club reafirma o seu compromiso social e a súa vontade de implicarse activamente en iniciativas que transcenden o deportivo. O obxectivo é claro: entre todos, marcar unha gran goleada ao cancro infantil.