Esta fin de semana comeza o Torneo Alevín F11
O fútbol base volve a escena coa disputa do XVI Torneo Conservas Calvo Alevín F11, unha das citas máis esperadas do calendario formativo galego e que esta fin de semana levanta o pano coa participación do Pabellón Promesas.
O campionato arrincará no campo da UD Mos e contará con 28 equipos, récord histórico de participación, o que confirma o crecemento e a consolidación dun torneo xa referente na categoría.
A competición estará dividida en dous grupos de 14 equipos cada un. No grupo norte competirán Montañeiros, Piringalla, As Pontes, Calasanz, Lugo, Club de Campo Ferrol, Racing Ferrol, #Luis Calvo, Deportivo, San Tirso, Galicia Carranza, Portuarios, Ural e Victoria.
Pola súa banda, o grupo sur estará integrado por Arousa, Lérez, Bertamiráns, Rápido de Bouzas, Xuventude Oroso, Compostela, Val Miñor, Moañesa, Lalín, Ourense CF, Pavillón, Pontevedra, Celta e Mos.
O sistema de competición será en formato liga a unha soa volta dentro de cada grupo, garantindo así un elevado número de encontros e minutos para todos os participantes. Os campións de cada grupo mediranse na gran final, prevista para o mércores 20 de maio no campo de As Eiroas en Carballo, escenario que tamén acollerá previamente o duelo polo terceiro e cuarto posto.
Para o Pabellón Promesas, participante agora na 1ª Futgal Ourense de Fútbol 8, a cita supón un desafío de máximo nivel ante algunhas das mellores canteiras do panorama galego, nun torneo que volve apostar pola formación, a competitividade e a convivencia como piares fundamentais do fútbol base.