Felipe Quintela, novo presidente
Felipe Quintela Pérez (Ourense, 1977) é o novo presidente do Pabellón Club de Fútbol para os próximo catro anos e comezaría a exercer o cargo oficialmente este luns 27 de novembro, sempre que non haxa unha reclamación á Xunta Electoral que poida resultar favorable.
O novo mandatario branquiverde saiu elexido nas votacións coa presenza de 68 socios que se celebraron na mañá deste sábado na Asemblea Xeral Extraordinaria que se convocou con motivo das eleccións. O acto tivo lugar no Liceo Recreo Ourensán.
Ás eleccións concurrían as dúas candidaturas presentadas en tempo e forma, a de Felipe Quintela e a de Javier Caldas Otero. No reconto de votos o primeiro deles tivo 46 e o segundo 20. Houbo 2 votos en branco.
Quintela Pérez formaba parte da Xunta Directiva anterior e ostentaba o cargo de presidente da Comisión Deportiva. Entrou como xogador no club aos catro anos e pasou por diferentes categorías ata completar dez tempadas.
Trátase do cuarto presidente da entidade pabellonista camiño dos 51 anos de existencia, con anterioridade estiveron José Luis López Iglesias, fundador do club, Juan Francisco López Rodríguez "Juanín" e Francisco José Doforno Nóvoa.