LIGA NACIONAL XUVENIL

0-4 | Duro revés do Xuvenil A no Miguel Ángel

DOMINGO 22/02/2026 (12:00)  Campo: MIGUEL ÁNGEL-OS REMEDIOS (125)

PABELLÓN CF : 0 – ED VAL MIÑOR "B" : 4 (0-3) 

A 23ª xornada da Liga Nacional Xuvenil deixou un duro correctivo para o Pabellón, que caeu por 0-4 fronte ao Val Miñor nun duelo directo pola permanencia.

O encontro quedou practicamente sentenciado na primeira metade. Aos once minutos, os locais tiveron a gran oportunidade de poñerse por diante cun penalti a favor, pero David atopouse coa acertada intervención de Nico, que adiviñou o lanzamento e evitou o 1-0. A acción marcou un punto de inflexión.

Co paso dos minutos, o Val Miñor foise asentando sobre o terreo de xogo, gañando dominio e presenza en campo contrario. Froito dese maior control chegarían os tres tantos visitantes antes do descanso, Miguel, cun dobrete un deles de penalti, e Martín. Ao intermedio, o 0-3 reflectía con claridade a mellor disposición visitante.

Os branquiverdes seguen con dificultades para sacar adiante os partidos no Miguel Ángel

Na segunda metade, o conxunto dirixido por Rubén García tentou reaccionar e meterse de novo no partido, pero o Val Miñor soubo defender con orde a vantaxe acadada. Ademais, os visitantes aínda tiveron tempo para incrementar a renda cun cuarto gol que pechou definitivamente o choque.

Ao remate, os puntos voaron do Miguel Ángel, así como o coeficiente particular ante un rival directo pola permanencia. Trátase da sétima derrota como local do Pabellón nesta tempada. Lamentar a lesión de André, que tivo que ser substituido e trasladado a un centro médico no que lle diagnosticaron rotura do tabique nasal.

Con este resultado, os branquiverdes quedan con 25 puntos tras tres xornadas consecutivas sen puntuar, situándose a só un do descenso por arrastre provocado pola División de Honra. Na vindeira xornada, o Pabellón visitará ao Lugo “B” coa necesidade de reaccionar e frear a dinámica negativa.

Os capitáns de ambos equipos co trio arbitral

FICHA TÉCNICA

Pabellón CF: Roberto, Iván, Tiago Barbosa, André (Bruno, m.65), Guille, Ander, Tiago Cerdeiro, Jesús (Matías, m.46), David (Iker Regueira, m.46), Nico (Gael, m.60) e Simón (Melguizo, m.60).

ED Val Miñor B: Nico, Raúl, Padín, Alexandre, Miguel, Pablo, Mateo (Xian, m.69), Guille (Nacho, m.50), Martín (Pedro, m.67), Sergio (Pablo, m.69) e Miguel (Mariño, m.69).

Árbitro: Rubén Fernández Otero, asistido nas bandas por González Castro e Oliveiros Fernández (Comité Galego-Ourense). Amonestaron a Gael (m.90) nos visitantes e nos visitante a Mateo (m.63) e con vermella directa ao adestrador Ricargo Álvarez (m.12).

Goles: 0-1, m.23: Miguel. 0-2, m.33: Martín. 0-3, m.37: Miguel, de penalti. 0-4, m.69: Pedro.