O Benxamín Promesas, á fase final do 5º Torneo da Estrada en xuño
O Pabellón Promesas conseguiu clasificarse para a Fase Final do 5º Torneo Concello da Estrada, que se celebrará o 18 de xuño, ao obter un dos catro postos dende a Fase Previa que se disputou este martes festividade do Día das Letras Galegas.
Para conseguir o pase os branquiverdes accederon dende o Grupo D nos que gañaron a Bertamiráns (3-0), Cristo da Victoria (2-1) e Cacheiras (3-0), perdendo soamente co Calasanz (2-0).
Posteriormente nos cruces impuxéronse ao Conxo Santiago (2-1) e ao Victoria da Coruña (2-1). No partido decisivo co Porteiro 2000 de Pontevedra os pabellonistas clasificáronse na tanda de penaltis despois de que o tempo regulamentario finalizase 0-0.
A organización do evento, que corre a cargo da Escola Estrada de Fútbol Base, xa ten confirmada a presenza, ademáis do equipo local, do Real Madrid, Sporting de Gijón, Oporto, Braga, Celta e Deportivo.