SEGUNDA FUTGAL

0-2 | Novena vitoria consecutiva do Sénior

DOMINGO 19/04/2026 (12:00)  Campo:  A UCEIRA (100)

CD ARENTEIRO B: 0 – PABELLÓN CF: 2 (0-1)

O equipo Sénior levou tres puntos de enorme valor da súa visita á Uceira tras impoñerse ao Arenteiro B nun encontro intenso con once cartóns amarelos, e no que os visitantes foron superiores aínda que tiveron que agardar ata o tramo final para sentenciar. A cita correspondía á 30ª xornada da Segunda Futgal e con este resultado o equipo acumula 58 puntos en plena loita por unha praza para a promoción de ascenso.

O cadro pabellonista saíu moi enchufado desde o inicio, xerando perigo con tres ocasións claras, dúas de Jhonny Nóvoa e outra de Raúl Estévez. Lonxe de baixar o ritmo, os visitantes continuaron insistindo durante toda a primeira metade, acumulando ata cinco oportunidades máis, con especial protagonismo para Jhonny Nóvoa, que dispuxo de dous mans a mans, e outra chegada perigosa de Raúl Estévez.

Cando semellaba que o descanso chegaría sen goles, apareceu a recompensa. Ao fio do descanso, unha boa triangulación entre Pedro e Mario rematou cunha chegada á liña de fondo e un centro medido que Jhonny Nóvoa enviou ao fondo da rede para adiantar ao Pabellón.

Jhonny Nóvoa abriu o marcador ao borde do descanso

Na segunda metade, o propio Jhonny Nóvoa tivo outro man a man nada máis comezar, pero non conseguiu ampliar a vantaxe. Co paso dos minutos, o Arenteiro B deu un paso adiante, monopolizou máis o balón e chegou a dispoñer dunha ocasión clara para igualar o marcador, o que fixo que o encontro se mantivese aberto ata o final.

Xa nos últimos instantes do partido chegou a sentenza. Aldán roubou o balón no medio campo, avanzou ata a liña de fondo e puxo un pase atrás que Xoel aproveitou para marcar o 0-2 definitivo.

Un triunfo que puido ser máis amplo de ter maior acerto nas numerosas ocasións xeradas, xa que os pabellonistas perdoaron preto de sete oportunidades moi claras e acabou sufrindo máis do previsto nun partido que tivo controlado durante moitos minutos.

Na próxima xornada o Pabellón recibe a visita do Rúa no Miguel Ángel na tarde do domingo. Os valdeorreses transitan pola xona media-baixa da táboa con 29 puntos.

Xoel anotou o segundo gol na Uceira

FICHA TÉCNICA

CD Arenteiro B: Óscar, Álex, Marcos, Gabriel, Fernando (Miguel, m.53), Diego, Alejandro, Ismael (Anxo, m.53), Iván (Hugo, m.42), Yago (David, m.16) e Robert.

Pabellón CF: Anxo, Aldán, Pedro, Rober, Mario, Sergio, Noli, Raúl (Xoel, m.75), Numan (Enrique, m.65), Moure (Óscar, m.57) e Jhonny Nóvoa (Jhonny Merlo, m.57).

Árbitro: Xabier Pérez Ochandategui (Comité Galego-Ourense). Amonestou nos locais a Robert (m.34), Marcos (m.56), Gabriel (m.59) e ao adestrador Luis Silva (m.66). Nos visitantes vieron cartón amarelo Jhonny Nóvioa (m.12), Mario (m.22), Aldán (m.45), Óscar (m.72), Noli (m.79) e Jhonny Merlo (m.90).

Goles: 0-1, m.45: Jhonny Nóvoa. 0-2, m.86: Xoel.