LIGA NACIONAL XUVENIL

1-0 | O Xuvenil A corta unha mala racha no derbi

DOMNGO 21/12/2025 (12:00)  Campo: MIGUEL ÁNGEL-OS REMEDIOS (250)

PABELLÓN CF : 1 – OURENSE CF : 0 (1-0) 

O Xuvenil A pechou o ano competitivo cunha importante vitoria diante do Ourense CF, nun encontro correspondente á 16ª xornada da Liga Nacional que se resolveu cun solitario tanto nos primeiros compases do partido.

O gol que decidiu o derbi chegou moi cedo. Apenas transcorridos dous minutos de xogo, Lucas definiu cun tiro cruzado que sorprendeu ao meta visitante, adiantando aos locais nun inicio fulgurante. A partir dese momento, o Ourense CF levou o peso da posesión na primeira metade, aínda que sen excesiva profundidade.

O conxunto azul xerou certo perigo en varios saques de esquina, pero sen chegar a esixir intervencións de mérito. Pola súa banda, os pabellonistas buscaron ampliar a renda con dous disparos afastados de Gael e do propio Lucas, ambos sen atopar portería. Co 1-0 chegouse ao tempo de lecer.

Ander controla un balón ante la presencia de Caride
Ander controla un balón ante a presencia de Caride

Tras o descanso, o Pabellón saíu decidido a sentenciar. Lucas tivo unha ocasión clarísima nos primeiros minutos da segunda parte, pero un defensa desviou o balón cando xa levaba traxectoria de gol.

A resposta visitante chegou tras unha perda no centro do campo tan innecesaria como perigosa, que deixou a Borja en disposición de finalizar desde lonxe, aproveitando a posición adiantada de Roberto, aínda que o seu disparo marchou fóra por moi pouco.

Nese tramo, o partido foi gañando en emoción pola incerteza do marcador. Aos locais custáballes ter o control na medular, pero os cambios introducidos por Rubén García melloraron o panorama, especialmente coa entrada de Nico.

O encontro entrou entón nun ida e volta constante, ata que unha acción clave marcou o desenlace: nunha contra local, Nico loitou por un balón ata o último instante e obrigou ao gardameta visitante Alejandro a agarralo fóra da área, acción que supuxo a súa expulsión cando restaban arredor de quince minutos para o final.

Jesús centra un balón ante a oposición de Quintas
Jesús centra un balón ante a oposición de Quintas

Brais entrou por Miguel para ocupar a portería do Ourense CF, pero a inferioridade numérica apenas se notou sobre o terreo de xogo. A sentenza puido chegar nunha falta directa de Lucas que se estrelou no traveseiro, facendo conter a respiración á bancada nos minutos finais. Sen máis ocasións destacables, o colexiado sinalou o final.

Co triunfo, o Pabellón pon fin a unha xeira de catro xornadas sen gañar e alcanza os 21 puntos antes do parón de Nadal, un descanso que servirá para resetear e recuperar efectivos.

O equipo retomará a competición no novo ano cun esixente compromiso ante o líder, o Celta B, en A Madroa, encontro que pechará a primeira volta do campionato. ¡Bo Nadal a todos!

Os capitáns de ambos equipos co trio arbitral
Os capitáns de ambos equipos co trio arbitral

FICHA TÉCNICA

Pabellón CF: Roberto, Gael, Tiago Barbosa, Bruno (André, m.65), Guille, Ander, Tiago Cerdeiro, Mancebo (David, m.53), Lucas, Jesús (Veiras, m.69) e Iker Regueira (Nico, m.53).

Ourense CF: Alejandro, Quintas, Juan, Ferrer, Miguel (Brais, m.75), Diego, Didí (Osorio, m.69), Caride (Andrés, m.57), Carlos, Aitor (Breogán, m.57) e Borja (Felipe, m.69).

Árbitro:  Adam Rodríguez Delgado, asistido nas bandas por Pintos Fernández e López Fernández (Comité Galego-Ourense).

Goles: 1-0, m.2: Lucas.