0-1 | O Sénior sae airoso do Outeiro do Miogo
DOMINGO 25/01/2026 (16:15) Campo: OUTEIRO DO MIOGO (100)
UP TABOADELA: 0 – PABELLÓN CF: 1 (0-0)
O Sénior regresou do Outeiro do Miogo cos tres puntos tras impoñerse por 0-1 ao Taboadela nun encontro moi disputado e marcado polas constantes interrupcións que correspondía a xornada dezanove da Segunda Futgal.
A primeira metade estivo moi trabada, con moito xogo de contacto e pouco ritmo, condicionada polas lesións de dous xogadores do conxunto local, que tiveron que ser substituídos antes do descanso. Nese contexto, o Pabellón amosouse lixeiramente superior en canto a ocasións.
A primeira aproximación clara, porén, foi para o Taboadela aos cinco minutos, cun remate de Jonay, un dos futbolistas que posteriormente tería que abandonar o terreo de xogo por lesión. Pouco despois respondeu o cadro visitante cun disparo afastado de Aldán que estivo a piques de sorprender a Miguel, gardameta local. O propio Miguel tería que empregarse a fondo para desbaratar dous remates perigosos do equipo branquiverde antes do intermedio.
Tras o paso polos vestiarios mantívose a loita por cada balón, pero o Pabellón deu un paso adiante a nivel defensivo e logrou pisar con máis frecuencia a área rival. O conxunto dirixido por Toño Sanmartín mostrouse máis sólido e decidido, e esa melloría acabaría tendo premio. Nunha das chegadas visitantes, un pase filtrado de Moure atopou a Jhonny Nóvoa, que apenas levaba oito minutos sobre o céspede, e o atacante definiu con acerto para facer o 0-1.
Co marcador a favor, o Pabellón soubo controlar o tramo final do encontro, evitando ocasións claras do Taboadela e mantendo a súa vantaxe ata o asubío final. Un triunfo que permite aos branquiverdes alcanzar os 31 puntos na clasificación.
Na vindeira xornada, o Pabellón CF recibirá no campo Miguel Ángel ao Rayo 21, líder invicto do grupo, nun duelo de máxima esixencia.
FICHA TÉCNICA
UP Taboadela: Miguel, Iago (Stanley, m.83), Jorge Menor, Iker, Álex, Aarón, Xian, Daniel (Manuel, m.35), Santi (Noel, m.83), Jonay (David, m.18) e Hugo (Roberto, m.46).
Pabellón CF: Nacho, Miguel Ángel (Xoel, m.78), Luis, Pede, Rober, Sergio, Noli, Raúl (Guzmán, m.78), Numan (Jhonny Nóvoa, m.60), Aldán e Moure (Óscar, m.60).
Árbitro: Iago Borrajo Rodríguez (Comité Galego-Ourense). Amonestou a Manuel (m.84) nos locais e nos visitantes a Miguel Ángel (m.8), Aldán (m.57), Raúl (m.78), Rober (m.90) e Óscar (m.90)
Goles: 0-1, m.68: Jhonny Nóvoa.