1-1 | O Xuvenil A rasca un punto no derbi
SÁBADO 17/01/2026 (16:00) Campo: ALABÁN-COLES (250)
UD OURENSE : 1 – PABELLÓN CF : 1 (0-0)
O derbi ourensán que abría a segunda volta da Liga Nacional Xuvenil entre UD Ourense e Pabellón CF saldouse cun empate a un gol tras noventa minutos de máxima intensidade e emoción no campo de Albán. Un reparto de puntos nun encontro moi disputado.
A primeira metade desenvolveuse sen goles e sen un dominador claro. Os dous equipos amosaron respecto mutuo e moita igualdade, nun tramo inicial marcado polo ritmo alto pero con escasas ocasións claras de gol. As defensas impuxéronse aos ataques e apenas houbo achegamentos con perigo real ás áreas.
O panorama mudou nada máis comezar a segunda parte. Aos dous minutos da reanudación, Nico adiantou ao Pabellón cun potente disparo desde fóra da área que sorprendeu á defensa local e abriu o marcador. O tanto deu paso a unha fase de dominio da UD Ourense, que asumiu o protagonismo co balón, mentres os pabellonistas procuraban facer dano ao contragolpe.
A lesión de Lucas, moi activo durante os cincuenta minutos que estivo sobre o céspede, obrigou a Rubén García a mover o banco coa entrada de David. Precisamente o novo xogador tivo nas súas botas o segundo tanto visitante arredor da media hora de xogo. Antes, os rojillos xa avisaran cun disparo que obrigou a Roberto a empregarse a fondo, e posteriormente o gardameta blanquiverde volvería intervir en dúas ocasións máis decisivas para evitar a igualada.
O segundo tempo sufriu o Pabellón, acosado por un rival que acumulou numerosos saques de esquina ao longo dos noventa minutos. Nun deles chegou finalmente o empate, cun remate de cabeza de Ricardo que puxo o 1-1 no marcador.
Con algo máis de vinte minutos por diante, o conxunto local apertou na procura da remontada, pero tamén deixou espazos atrás. Nunha contra xa no desconto, os pabellonistas puideron levar os tres puntos nun centro de David que non atopou rematador e pasou rozando a base do poste. No tempo engadido, Melguizo foi expulsado nos visitantes por unha dura entrada, e a falta posterior xerou un barullo na área que encolleu o corazón de máis dun, aínda que sen consecuencias no marcador.
Ao final, empate a un gol nun derbi vibrante. O Pabellón CF suma así un punto máis e alcanza os 22, antes de recibir na próxima xornada no Miguel Ángel a un Choco situado en postos de ascenso.
FICHA TÉCNICA
UD Ourense: Álvaro, Diego (Pablito, m.80), Álex, Roi, Borja, Mauro, Iago (Dani, m.80), Martín, Ricardo, Osorio (Xaime, m.59) e Anxo (Julián, m.59).
Pabellón CF: Roberto, Iván (Gael, m.78), Tiago Barbosa, André, Guille, Tiago Cerdeiro, Ander, Jesús (De Blasis, m.78), Lucas (David, m.50), Nico e Iker Regueira (Melguizo, m.61).
Árbitro: Xabier González Castelao, asistido nas bandas por Rodríguez Fernández e Rúa Álvarez (Comité Galego-Ourense). Amonestou a Xaime (m.90) nos locais e a Nico (m.69) nos visitantes, que tamén sufriron a expulsión de Melguizo (m.90).
Goles: 0-1, m.47: Nico. 1-1, m.71: Ricardo.