SEGUNDA FUTGAL

1-1 | O Senior cede dous puntos nos minutos finais

DOMINGO 21/12/2025 (16:15)  Campo: O TESO (100)

CD CALDELAO INTER RIBEIRA SACRA: 1 – PABELLÓN CF: 1 (0-0)

O equipo Senior pechou o ano competitivo cun empate fronte ao CD Caldelao, colista da categoría, nun encontro correspondente á 16ª xornada da Segunda Futgal que deixou sensacións encontradas polo visto sobre o terreo de xogo.

O conxunto branquiverde foi claramente superior durante o primeiro tempo, no que dispuxo de tres ocasións claras para marchar ao descanso con vantaxe. A máis evidente chegou nunha falta directa lanzada por Noli que se estrelou no largueiro; o rexeite caeu a Raúl, pero o seu disparo volveu atoparse coa madeira.

O propio Raúl tivo outra gran opción cunha vaselina que se marchou lixeiramente alta, mentres que a última oportunidade da primeira metade chegou nun saque de esquina que Luis prolongou no primeiro pau, sen que Jhonny Merlo chegase por moi pouco no segundo.

Una falta lanzada por Noli petou no travesaño da meta local

Tras o paso polos vestiarios, o Pabellón atopou por fin o premio ao seu dominio. Unha boa asistencia de Moure permitiu a Jhonny Novoa, recentemente incorporado ao encontro, adiantar aos visitantes e facer xustiza ao traballo realizado ata ese momento.
Co marcador en contra, o Caldelao deu un paso adiante e buscou o empate con máis corazón que fútbol. Nunha contra, os locais provocaron a expulsión de Aldán, circunstancia que cambiou o guión do tramo final.

En superioridade numérica, o equipo local volcouse en ataque e, cando xa se entraba nos últimos compases, conseguiu o empate a falta de tres minutos, aproveitando un despiste defensivo.

O empate permite ao Pabellón elevar a súa conta a 25 puntos antes do parón de Nadal. A competición regresará a comezos de xaneiro cun reto ilusionante: a eliminatoria de dezaseisavos de final da Copa Deputación, que se disputará no Miguel Ángel fronte ao Antela da Preferente Futgal os días 3 ou 4 de xaneiro.

Jhonny Nóvoa foi o autor do gol pabellonista na segunda parte

FICHA TÉCNICA

CD Caldelao: Brais, Alejandro, Víctor, Andrés, Hugo, Daniel (Rubén, m.66), Iker, Diego (Yondivert, m.31), Saa, Samuel e Jefer.

Pabellón CF: Nacho, Rober, Luis, Miguel Ángel, Mario, Sergio, Jhonny Merlo, Aldán, Noli (Pede, m.68), Raúl (Jhonny Nóvoa, m.58) e Moure.

Árbitro: Gabriel Márquez Pérez (Comité Galego-Ourense). Amonestou a Alejandro (m.66) nos locais e nos visitantes a Pede (m.78), Jhonny Nóvoa (m.80). Tamén expulsou a Aldán con vermella directa (m.85).

Goles: 0-1, m.61: Jhonny Nóvoa. 1-1, m.87: Andrés.