LIGA NACIONAL XUVENIL

3-0 | Derrota excesiva nun bo partido do Xuvenil A

SÁBADO 06/12/2025 (12:30)  Campo: FRAGOSELO (150)

CORUXO FC: 3 – PABELLÓN CF: 0 (2-0) 

O Pabellón regresou de baleiro de Fragoselo tras caer por 3-0 fronte ao Coruxo, nun encontro correspondente á 14ª xornada da Liga Nacional Xuvenil que se resolveu cun marcador excesivo despois de que o cadro ourensán ofrecese un bo nivel competitivo e pola personalidade mostrada ante un rival que pelexa polos postos de ascenso.

O equipo de Rubén García asinou unha primeira metade moi seria, mantendo un bo nivel defensivo e saíndo con criterio nas transicións, pero o choque rompeuse no treito final do período inicial. Un primeiro tanto local abriu a conta e, pouco despois, chegou o 2-0 nunha acción desafortunada na que Tiago Barbosa introduciu o balón na súa propia portería, un golpe duro polo momento e polas formas.

Lonxe de decaer, o Pabellón deu un paso adiante tras o descanso. Os branquiverdes asumiron o mando do xogo, fixeron circular o balón con continuidade e acumularon presenza en campo contrario, pero faltoulles acerto nos últimos metros para recurtar diferenzas. Esa falta de pegada contrastou coa efectividade dun Coruxo que, a trece minutos do final, fixo o 3-0 nunha acción moi protestada polos ourensáns, que entenderon que acción contía fóra de xogo.

O Pabellón xa era consciente da dificultade de puntuar en Fragoselo, onde o conxunto vigués suma seis triunfos nos sete encontros disputados como local. A derrota deixa aos ourensáns con 18 puntos na táboa, antes de recibir a próxima fin de semana ao Conxo Santiago no Miguel Ángel.

FICHA TÉCNICA

Coruxo FC: Mateo, Lucas, Hugo, Iker, Arón (Óscar, m.54), Noé (Darío, m.79), Izan (Nazan, m.54), Xacobe, David (Javier, m.54), Pumarega (Mario, m.38) e Xian.

Pabellón CF: Roberto, Gael, Tiago Barbosa, André, Bruno (Tiago Cerdeiro, m.46), Guille, Ander, Melguizo (David, m.66), Lucas (Hugo Veiras, m.75), Nico (Mancebo, m.66) e Iker Regueira (Blasis, m.66).

Árbitro:  Rodrigo González Lamas, asistido nas bandas por Raúl Casal e Pablo Casal (Comité Galego-Vigo). Amonestaron a Nazan (m.87) nos locais e a Tiago Cerdeiro (m.67) nos visitantes.

Goles: 1-0, m.36: Xian. 2-0, m.41: Tiago Barbosa, en propia meta. 3-0, m.77: Lucas.