LIGA NACIONAL XUVENIL

1-2 | O Xuvenil A non mereceu a derrota

DOMINGO 30/11/2025 (12:00)  Campo: MIGUEL ÁNGEL-OS REMEDIOS (150)

PABELLÓN CF: 1 – ATLÉTICO ARTEIXO: 2 (0-1) 

O Pabellón non puido prolongar a súa serie positiva e caeu por 1-2 ante o Atlético Arteixo nun encontro da xornada 13ª da Liga Nacional Xuvenil no que os visitantes volveron impoñerse no Miguel Ángel, tal e como xa fixeran a pasada campaña.

A primeira metade resultou complicada para o conxunto branco-verde, que non estivo fino e apenas conseguiu pisar área rival. O Arteixo, máis cómodo e con maior posesión de balón, foi gañando terreo ata atopar o premio xusto antes do descanso. Un grave erro defensivo local derivou nun penalti tan claro como innecesario, que Diego López transformou no 0-1 cando só quedaba un minuto para chegar ao intermedio.

O inicio da segunda metade non puido ser peor. Aos cinco minutos, unha falta evidente sobre un defensor pabellonista quedou sen sanción arbitral e a xogada acabou co balón no fondo da portería local para establecer o 0-2, un golpe duro nun momento clave.

Ander intenta facerse co balón ante a presenza de Diego López

Con todo, o Pabellón non baixou os brazos. Rubén García moveu o banco con tres cambios case consecutivos e outro máis pouco despois, que lle deron ao equipo máis velocidade, profundidade e mordente ofensiva. O efecto notouse axiña: os ourensáns asumiron o control do partido, xeraron ocasións e metéronse de cheo na loita polo resultado.

O gol de Nico, superado o cuarto de hora da reanudación, abriu unha fiestra de esperanza, deixando vinte minutos finais nos que o Pabellón fixo méritos de sobra para puntuar. Mancebo estrelou unha falta no pau, o porteiro visitante realizou dúas paradas de gol e, na última acción do encontro, Iker Regueira non puido finalizar completamente só no segundo pau.

O esforzo non atopou recompensa e os tres puntos voaron, poñendo fin a unha serie de tres xornadas consecutivas sumando. O Pabellón queda con 18 puntos, os mesmos que tiña ao comezo desta décimo terceira xornada.

A próxima semana, o equipo visitará ao Coruxo no campo de Fragoselo, onde buscará recuperar sensacións ante un rival en posto de ascenso.

Os capitáns de ambos equipos co trio arbitral

FICHA TÉCNICA

Pabellón CF: Roberto, Iván (Gael, m.56), Tiago Barbosa, André, Guille, Ander, Tiago Cerdeiro, Melguizo (Mancebo, m.68), Nico, David (Iker Regueira, m.56) e Simón (Hugo Veiras, m,.56).

Atlético Arteixo: Jorge, Iago, Asier, Breixo, Álvaro, Martín, Adrián (Losada, m.82), Sergio, Diego López (Diego Novio, m.65), Kevin (Santiago, m.76) e Mael.

Árbitro:  Manuel Casanova Cudeiro, asistido nas bandas por Cerreda Ferrón e Rúa Álvarez (Comité Galego-Ourense). Amonestaron a Iker Regueira (m.71) nos locais e nos visitantes a Breixo (m.71) e con cartón vermello directa ao suplente Jairo (m.58).

Goles: 0-1, m.44: Sergio, de penalti. 0-2, m.50: Diego López. 1-2, m.71: Nico.