LIGA NACIONAL XUVENIL

2-5 | Derrota excesiva do Xuvenil A

DOMINGO 02/11/2025 (12:00)  Campo: MIGUEL ÁNGEL-OS REMEDIOS (150)

PABELLÓN CF: 2 – RC DEPORTIVO B: 5 (0-2) 

O Pabellón non puido sumar na novena xornada da Liga Nacional Xuvenil tras caer por 2-5 fronte ao Deportivo B nun encontro disputado este domingo no campo Miguel Ángel. O equipo queda con 13 puntos.

O partido comezou co peor dos escenarios para o conxunto ourensán, que encaixou o 0-1 no primeiro minuto de xogo por unha falta de atención nun saque rápido dunha falta que deixou a Jorge só diante de Roberto para adiantar aos coruñeses.

A pesar do tanto inicial, os xogadores dirixidos por Rubén García reaccionaron con boas sensacións e contaron con dúas ocasións claras para empatar: un remate de André e un cabezazo de Melguizo que se marchou por moi pouco.

Cando o Pabellón parecía algo máis asentado, un novo erro penalizou de novo aos locais, xa que a sete minutos do descanso un disparo de Rubén escapóuselle das mans ao meta local, converténdose no 0-2 co que se chegou ao intermedio.

Ander intenta controlar un balón ante a presenza dun rival

Na segunda metade, o Deportivo B mantivo o control do xogo e ampliou a súa vantaxe cun penalti moi protestado polos ourensáns, que Jorge transformou para facer o 0-3.

O Pabellón non se rendeu e atopou premio ao seu esforzo cun fermoso gol de Nico a doce minutos do final, que deu esperanzas aos locais. Porén, o conxunto coruñés volveu golpear por medio de Borja, e aínda que Mancebo recurtou diferenzas co 2-4, Roi pecharía o marcador no desconto co definitivo 2-5.

A pesar do resultado, o equipo branquiverde amosou fases de bo xogo e actitude, pero os erros puntuais e a maior efectividade visitante acabaron marcando a diferenza nun encontro de alta esixencia. Na próxima xornada visitan ao Bertamiráns.

Os capitáns de ambos equipos e o trio arbitral

FICHA TÉCNICA

Pabellón CF: Roberto, Gael, Tiago Barbosa, Bruno (Veiras, m.46), André, Guille, Melguizo (Tiago Cerdeiro, m.63), Ander, Lucas (David, m.70), Jesús (Mancebo, m.70) e Simón (Nico, m.46). 

RC Deportivo B: Antón, Sabino, Rubén, Ramón (Frank, m.77), Xoel, Ander (Sánchez, m.58), Chanti (Borja, m.58), Yago, Elías, Jorge (Guillermo, m.68) e Gael (Roi, m.68).

Árbitro: Rubén Castro Fernández, asistido nas bandas por Iglesias Rodríguez e Huertas Novo (Comité Galego-Ourense).  Amonestaron a Frank (m.58) en los visitantes.

Goles: 0-1, m.1: Jorge. 0-2, m.38: Rubén. 0-3, m.62: Jorge. 1-3, m.78: Nico. 1-4, m.86: Borja. 2-4, m.89: Mancebo. 2-5, m.90: Roi.