Fútbol 11

Últimos coletazos dos equipos de Fútbol 11

Cinco equipos do club na modalidade de Fútbol 11 están dando os últimos coletazos nas diferentes competicións rexionais e provinciais nunha xornada cunha soa vitoria en cinco confrontacións.

Na Liga Galega Xuvenil o Pabellón "B" arrancaba un punto (0-0) contra a ACD A Seca no campo de A Xunqueira nunha cita na que o cadro local se xogaba moito pola súa implicación na zona de descenso.

Mentres, o Pabellón CF da División de Honra Cadete superaba ao Victoria da Coruña (5-1) nun partido xogado no Monte da Aira de Velle. Ao descanso os nosos xa tiñan vantaxe (2-1) despois dos goles de Santi e Anxo. Na segunda parte as diferenzas serían maiores cun dobrete de Santi e un tanto de Parrilla.

Derrota do Pabellón "B" da Liga Galega Cadete nun partido intrascendente co Marcón Atlético no campo de O Carrasco (4-3). Cun tempo para cada equipo os pontevedreses estiveron mellor na primeira metade e os nosos na segunda. Manuel, Héctor e Mauro anotaron os tantos.

No partido de volta das semifinais do Torneo Ourense Base Cadete, o Pabellón Promesas fixo valer a vantaxe adquirida na ida para minimizar a derrota na volta (3-0) na Uceira. Os de Enrique Silva sufrion dúas expulsións.

O Pabellón Promesas da Liga Galega Infantil-Fase de Permanencia caía nos Remedios (1-6) contra un Alondras máis físico e coa necesidade de gañar ao estar implicado na longa lista da zona de descenso. Ao descanso os de Cangas xa mandaban no marcador (0-2). Arturo fixo o gol local.