Sesión especial na Escola de Iniciación
A Escola de Iniciación “López Iglesias” que xestiona o club, viveu este martes unha tarde diferente nas instalacións do Pabellón dos Remedios. Varios grupos de alumnos e alumnas, baixo a dirección dos monitores, gozaron dunha xornada especial cunha serie de mini partidos que se desenvolveron tanto na cancha anexa como na pista central, creando un ambiente dinamizado e cheo de participación.
A sesión, afastada do formato habitual de adestramento, permitiu aos pequenos deportistas poñer en práctica as súas habilidades a través de regates, disparos, paradas, carreiras e goles, converténdose nunha experiencia divertida e motivadora para todos eles.
Desde a grada, familiares e achegados non quixeron perderse a actividade, ofrecendo un apoio constante e contribuíndo a crear un ambiente festivo que reforzou o vínculo entre xogadores, familias e escola.
O Pabellón Club de Fútbol celebra este tipo de iniciativas que fomentan a convivencia, a aprendizaxe práctica e o disfrute do deporte desde idades temperás.